DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Na gala de entrega de premios houbo numerosas palabras en lembranza de Manuel Ramos

A Universidade de Vigo premia os mellores traballos feitos en España sobre tradución de videoxogos

Repartíronse galardóns en sete categorías, incluído mellor xogo en galego

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Premios
  • Reitor
  • Institucional
D. Besadío DUVI 06/05/2022

A Universidade de Vigo premiou este venres os mellores traballos feitos en España sobre tradución de videoxogos, Premios ETIV-UVigo, e fíxoo nunha gala, celebrada no edificio Redeiras e presidida polo reitor, Manuel Reigosa,  na que se quixo, por encima de todo, “pór unha primeira pedra que sirva para mellorar este sector, sexa a nivel de visibilidade ou de mellorar as condicións laborais”, tal e como explicaron os profesores Óscar Ferreiro e José Yuste, principais impulsores dunha iniciativa coa que se busca “unir a empresas de desenvolvemento, creativos, axencias, tradutores, revisores e control de calidade, entre outros moitos perfís relacionados co sector dos videoxogos”.

Xunto ao reitor e ao equipo organizador, a entrega de premios contou tamén coa participación do alcalde, Abel Caballero, que aproveitou para felicitar ao reitor pola súa recente reeleción no cargo e  aos impulsores dos premios por ser “auténticos pioneiros nas novas formas de comunicación”, salientou Caballero, que asistiu acompañado pola concelleira de Política de Benestar Social, Yolanda Aguiar. Pola súa banda, a vicerreitora de Comunicación e Relacións Institucionais, Mónica Valderrama,  fixo fincapé en que estes galardóns “son unha mostra máis de como a industria do videoxogo galega pode contar co saber facer académico da Universidade de Vigo á hora de exportar os seus produtos ludográficos a outras linguas e outras culturas”, un aspecto ao que tamén fixo referencia o decano da Facultade de Filoloxía e Tradución, José Montero.

Na honra de Manolo Ramos

Foi tamén unha gala marcada polas verbas de lembranza para o vicerreitor Manuel Ramos.  “Apoiounos desde o primeiro momento, cando decidimos pór en marcha o Título Propio de Especialista en Tradución para a Industria do Videoxogo, ETIV,  e sempre estivo ao pé de canón en cada unha das catro edicións que levamos xa, animándonos a deixar alto o pavillón en cada curso académico, máxime agora que terminou de crear a Escola Aberta de Formación Permanente da UVigo”, salientou Jose Yuste, quen subliñou que este acto se celebrou na súa honra”. “Esteas onde esteas, que saibas que hoxe estás con nós, en pensamento e obra, alimentando sempre os nosos pulmóns co aire da túa infatigable forza exemplar de traballo para mellorar cada ano e poder renovar así a Mención de Excelencia que nos concedeu a Xunta de Galicia a noso Máster en Tradución para a Comunicación Internacional”, recalcou Yuste. A estas palabras de agarimo cara a Ramos sumouse tamén o propio alcalde, a vicerreitora e o decano, quen salientou que “a Facultade de Filoloxía e Tradución ten unha débeda impagable con Manolo” e que, “tanto no meu papel como decano como anteriormente como director de departamento foi, sen dúbida, dos mellores xefes que tiven”.

Sete categorías coas que premiar os mellores traballos de 2021

A gala estivo conducida por dous alumnos do título propio de Especialista en Tradución para a Industria do Videoxogo e foron tamén os propios estudantes os encargados de ir dando a coñecer os traballos premiados en cada unha das categorías que optaban a premio. No caso do premio á mellor localización de xogo con dobraxe o premio foi para Ratchet & Clank: Una dimensión aparte, un videoxogo lanzado en exclusiva para PlayStation 5 desenvolto por Insomniac Games e distribuído por Sony Interactive Entertainment. Recolleu o premio, neste caso en streaming, José Miguel de la Puente, responsable de Marketing no lanzamento deste videoxogo en España.

Na categoría mellor localización de xogo sen dobraxe o traballo premiado foi para Life is Strange: True Colors, un videoxogo episódico de aventura gráfica desenvolto por Deck Nine e publicado por Square Enix, recollendo o premio Roberto Serrano, e en Mellor localización de xogo indie, é dicir, xogos de estudos de desenvolvemento medianos ou pequenos, foi para o videoxogo independente de humor negro Cyanide & Happiness: Freakpocalypse, recollendo o premio Iago Álvarez, quen tivo palabras de agradacemento para o profesor Ramón Méndez, presente tamén na gala, “por todos os anos que leva dedicado a isto e por aprendernos tanto”.

Á hora de premiar os mellores xogos en galego o xurado elixiu Ruin Raider, con textos ao galego de Saleta González, que recolleu o premio, e Iago Nicolás Ballesteros. O mellor xogo en catalán foi para Sword of the Necromancer, neste caso traducido ao catalán por Irene Lobato e Víctor Pedreño, que intervíu a través dun vídeo. En éuscaro, o premio foi para Space Revenge.

No caso do premio ao xogo máis accesible o xurado valorou o traballo de Forza Horizon 5, que inclúe intérpretes en lingua de signos. Recolleu o galardón, en liña, Marta Sánchez, quen destacou que con este tipo de iniciativas “a finalidade é buscar que cada vez poidan xogar máis persoas”, xa que “cando todos xogamos, ganamos todos”. 
 

Videoxogos para todos

Previo a este acto de entrega de premios, o xoves tivo lugar na Facultade de Filoloxía e Tradución a conferencia Videoxogos para todos. A creación, localización e adaptación de produtos inclusivos ludográficos para todas as idades, presentada polo profesor José Yuste e impartida por Jacobo Martínez, cofundador do Museo do Videoxogo de Galicia, MUVI, e Ismael Menéndez, socio fundador de Iseltec,  empresa que está a apostar polo desenvolvemento de videoxogos con propósito social como principal eixo estratéxico do seu plan de acción. 

Esta actividade formou parte do cronograma de actividades de transferencia, difusión e divulgación do coñecemento organizado ao abeiro do Grupo de Investigación Traducción & Paratraducción (T&P), o Máster en Traducción para a Comunicación Internacional (MTCI) –Máster Universitario Excelente da Xunta de Galicia– e o Título Propio de Especialista en Tradución para a Industria do Videoxogo (ETIV).