DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A institución provincial recoñeceu os traballos dos profesores Pedro Arias e Óscar Briones

A Universidade de Vigo, protagonista nos premios de investigación da Deputación de Pontevedra

Tamén foron galardoadas as teses de doutoramento de Antonio José Vázquez e Nuria Sánchez

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Institucional
DUVI 16/05/2014

A Deputación de Pontevedra vén de facer público o fallo dos seus Premios de Novos Investigadores 2013, nos que ocupan un lugar destacado os investigadores e investigadoras da Universidade de Vigo. Entre os oito proxectos seleccionados nesta convocatoria figura un traballo do profesor da Escola de Enxeñaría de Minas Pedro Arias e as teses de doutoramento dos egresados José Antonio Vázquez e Nuria Sánchez. Así mesmo, na relación de traballos premiados tamén se atopa a tese de doutoramento pola Universidade de Santiago de Compostela do profesor do grao en Dirección e Xestión Pública Óscar Briones.

Un total de 18.000 euros destina a institución provincial a estes recoñecementos, que buscan estimular o estudo e a investigación na provincia, e que están abertos tanto a proxectos de investigación como a teses de doutoramento. Na primeira modalidade e na categoría de ciencias foi seleccionado o proxecto do profesor Pedro Arias O potencial das xeotecnoloxías como ferramentas de dixitalización masiva dirixidas ao inventario e inspección de infraestruturas, que resultou galardoado cun premio económico de 3000 euros.

Por outra banda, na modalidade de teses de doutoramento da área de ciencias e tecnoloxía resultou premiada a tese de doutoramento do enxeñeiro en telecomunicacións Antonio José Vázquez, Mellora do rendemento da rede GENSO de seguimento de satélites mediante a introdución da capacidade de Soft-Handover entre estacións. Este titulado, que na actualidade continúa a súa traxectoria investigadora nos Estados Unidos, recibirá un premio económico de 2000 euros. Unha contía idéntica destinará a Deputación a recoñecer a tese Detección e validación de mercadores de diagnósticos do derrame plural maligno, da bióloga Nuria Sánchez, que admite que “senta moi ben ver que o traballo realizado durante catro anos ao final da os seus froitos”,

Unha tese que xa fora premiada polo INAP

Entre as teses de doutoramento seleccionadas polo xurado destes premios atópase ademais Factores determinantes na construción da función de recursos humanos autonómica, do profesor da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, Óscar Briones, que a finais de 2013 xa vira recoñecido o seu traballo co premio do Instituto Nacional de Administracións Públicas (INAP). “Este tipo de distincións sempre se reciben moi ben, porque supoñen tanto un recoñecemento académico como unha forma de recompensar todo o tempo invertido durante anos”, salienta Briones, que tamén recibirá 2000 euros pola súa investigación.

Na relación de premiados aprobada nesta xornada pola Xunta de Goberno da Deputación Provincial figura outra titulada pola Universidade de Vigo, Sonia Otero, graduada en Estudos de Galego e Español. Esta egresada presentou a esta convocatoria unha investigación sobre A ilustración dos sainetes de Ramón de la Cruz no século XIX: a edición popular de J.M. Faquineto (1882), que, segundo relata, é un traballo realizado expresamente para estes premios e para o que contou coa axuda da profesora da Facultade de Filoloxía e Tradución Montserrat Ribao.

A relación de premiados complétase co traballo de investigación Cileni: Etnicidade e relixión de Alberto Santos, na área de Humanidades e Ciencias Sociais e coas teses de doutoramento das investigadoras da USC Patricia Sanmartín e Olalla López.

O xurado destes Premios de Investigación 2013 estivo conformado polos profesores da Unversidade de Vigo Álvaro López Mira, Josefina Garrido, Luis Ortiz e Óscar Rubiños; pola docente da UNED María Penado; por Rosa Ana Malvar, da Misión Biolóxica de Galicia, e por Antonio Ballester, da Real Academia Galega de Ciencias, así como por catro representantes da institución provincial.