DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Celebrado en Xixón a pasada fin de semana

A Universidade de Vigo sobrevive ao Campionato do Mundo de Dúatlon

Iria Fernández, Diego José Pío e Alberto Asensio quedaron nos primeiros postos a pesar da esixencia

Etiquetas
  • Vigo
  • Deportes
DUVI 27/09/2011

Seis medallas para España no Campionato do Mundo de Dúatlon celebrado esta fin de semana en Xixón, no que os tres representantes galegos procedentes do equipo de tríatlon da Universidade de Vigo deixaron o pavillón ben alto a pesar das dificultades: unha competición de gran nivel con máis dun millar de participantes e un circuíto moi esixente cun percorrido en bicicleta en formato sen drafting e cun “bo tramo de subida que o facía moi duro”.

Os deportistas da universidade de Vigo conseguiron destacar na marea de atletas e rematar a carreira en posicións bastantes relevantes. No formato sprint, Iria Fernández acadou a segunda posición na categoría 30-34, cun tempo de 1:19:46; mentres, en formato estándar o adestrador do equipo de atletismo da Universidade de Vigo, Diego José Pío, foi o cuarto español tras chegar na 16ª posición na categoría 40-44 rematando en 1:59:09, e Alberto Asensio quedou no posto 37 da categoría 30-34 tras marcar un tempo de 2:04:42.

Sangue galega no podio

A ferrolá Melina Alonso foi a encargada de inaugurar o medalleiro español ao acadar unha terceira praza na categoría junior feminino do formato sprint, no que a carreira se distribúe en 5 quilómetros a pé, 20 en bicicleta e outros 2,5 quilómetros máis correndo. David Castro facía o propio e traía para casa unha medalla de bronce na mesma categoría masculina.

O groso da competición celebrouse o sábado, coa categoría elite nun circuíto plano no que os atletas tiveron que comezar a carreira con 10 quilómetros correndo, seguidos de 40 en bicicleta con drafting e rematados por outros 5 quilómetros a pé. Aínda que o campión do mundo foi o portugués Sergio Silva, os españois Roger Roca e Víctor del Corral acadaron as medallas de prata e bronce, respectivamente. Na categoría feminina, a raíña foi a británica Katie Hewison, seguida de lonxe por Ainhoa Murua e Ana Burgos, que chegaron en quinto e sexto lugar.