DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Lidera a competición tras imporse por un rotundo 4,5 a 1,5 ao Padrón A

O Universidade de Vigo xa manda na Liga Galega de Xadrez

Roi Cabanas e García Bachiller debutaron co primeiro equipo cun empate e unha victoria

Etiquetas
  • Vigo
  • Deportes
DUVI 06/02/2012
O esforzo comeza a dar os seus froitos. O Universidade de Vigo de xadrez deixou atrás o turbulento arranque da Liga Galega, con complicados enfrontamentos directos, para dar o salto definitivo ao liderado esta fin de semana. Recibía na casa e como favorito ao Padrón A e non defraudou, xa que se impuxo por un contundente 4,5 a 1,5 ao equipo coruñés, que cae á undécima posición e se sitúa en postos de descenso. Deste xeito, os vigueses escalan ata o chanzo máis alto da clasificación xeral empatados a 15,5 puntos co Círculo Ferrolán de Xadrez e con tres puntos de vantaxe sobre o outro representante da cidade, o Marcote.

Aproveitando a canteira

Dentro da súa filosofía de dar cabida a toda a canteira, o capitán do Universidade de Vigo, Pablo García, aproveitou a xornada disputada na casa para dar saída a dúas caras novas: José Luis García Bachiller e Roi Cabana. Mentres o primeiro debutaba con vitoria, o segundo tiña que conformarse cun empate despois de conseguir unha lixeira vantaxe que non soubo transformar. En total, catro partidas gañadas, un empate e a derrota de Francisco Carrera tras cinco horas de encontro ao omitir un golpe táctico do seu contrincante, Pablo Espiñeira. “Esta é unha mostra máis da esixencia dun deporte no que hai que manter a concentración ata o último intre”, recorda García. O equipo vigués non puido contar nesta ocasión cos mestres internacionais Manuel Pena e Roberto Paramos, que viaxaron ata Gaia para disputar a final da ‘Super Taça’, o campionato portugués de partidas rápidas que xa gañaron o ano pasado.

Entre o resto de encontros disputados destaca a sorprendente derrota do Algalia, que non foi quen de manter o liderado e cae ata a terceira posición con medio punto por debaixo do Universidade de Vigo e do Círculo Ferrolano. Tamén sobresaltos en Compostela, onde o Universidade de Santiago non puido pasar do empate ante un Marcote sen xogadores titulares.

A vindeira xornada, a Arteixo

A quinta rolda da Liga Galega de Xadrez obrigará ao equipo vigués a facer o desprazamento máis longo dos realizados ata o de agora. O vindeiro sábado 11 de febreiro o Universidade de Vigo viaxará ata Arteixo para medirse ao Pokeryajedrez.com, que ocupa unha das prazas provisionais de descenso. Sen embargo, os coruñeses gardan un as na manga, xa que aínda non empregaron os reforzos portugueses cos que contan e que dificultarían moito a vitoria ao equipo universitario. Despois, tradicional parón de Entroido para disputar os Campionatos Galegos das categorías de base.