DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Venceu 2 a 4 ao segundo clasificado, o Algalia de Santiago

O Universidade de Vigo de xadrez acada o liderado da Liga Galega

Etiquetas
  • Vigo
  • Deportes
Jessica Fdez DUVI 26/03/2012
A novena rolda da Liga Galega de Xadrez acollía esta fin de semana a batalla máis esperada da tempada: o enfrontamento entre o Universidade de Vigo e o Algalia, os dous mellores equipos da clasificación. Tras unha intensa xornada de xogo marcada pola calidade das estratexias e tácticas levadas a cabo por todos os xogadores, o equipo da Universidade tocou o ceo cunha clara vitoria sobre o seu principal rival. O resultado sitúa ao equipo universitario vigués coma líder indiscutible da Liga, cunha diferenza de 2,5 puntos sobre o segundo clasificado. Para o capitán do equipo, Pablo García, o Algalia “viña pisando forte, algo que xogou ao noso favor xa que, canto máis duro é o noso rival, máis medra a motivación dos meus xogadores”.

O 2 a 4 final foi posible grazas a vitoria de Roberto Paramos, Diego Guerra e do propio capitán, que impuxeron a súa mellor técnica botando man da experiencia que os avala. Manuel Pena e Francisco Carrera lograron o empate coas pezas negras en partidas moi igualadas e sen erros, mentres que o contrapunto chegaba da man de Rafael Rodríguez, que non logrou o seu mellor resultado dada a dificultade do xogo. Para o capitán, o resultado é positivo, malia que “un pequeno erro no segundo taboleiro transformouse nun punto para os de Santiago, algo que nos fixo ver o perigo deste equipo pero que, se cabe, dálle máis valor á nosa vitoria”, indica García.

Este resultado deixa ao equipo da Universidade coa ‘final a catro’ case asegurada, pero terá que loitar por manter o primeiro posto, xa que lle daría vantaxe de campo e a vitoria en caso de empate a puntos.

A décima xornada terá lugar o 14 de abril

A Semana Santa trae unha nova parada na Liga Galega, que retomará a actividade o sábado 14 de abril. Nesta décima e penúltima rolda, o equipo da Universidade viaxará ata Lugo para enfrontarse ao Recatelo, un dos equipos en posto de descenso que esgota as súas opcións pola permanencia na División de Honra.

Toda a información sobre os equipos de xadrez da Universidade de Vigo pódese consultar na súa páxina web, www.webs.uvigo.es/xadrez