DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Gañou por 2-4 o derbi ante o USC

O Universidade de Vigo de xadrez albisca a coroa de líder

O equipo sitúase terceiro empatado co Marcote A e a só un punto do Círculo Ferrolano A

Etiquetas
  • Vigo
  • Deportes
DUVI 21/02/2011

O derbi quedou en Vigo. Unha importante vitoria de Miguel Senlle fronte ao Mestre Internacional Diego Suárez sírvelle ao equipo Universidade de Vigo de xadrez para rozar o primeiro posto dunha clasificación “moi axustada”. Empatados a 28 puntos co Marcote A, aos vigueses tan só os separa un punto do actual líder, o Círculo Ferrolano A, aínda que o adestrador do equipo, Pablo García, pide calma xa que o resto da tempada “complícase porque nós temos por diante un calendario máis duro, con enfrontamento ante os ferroláns incluído”.

Un paso cara adiante para os rapaces do equipo universitario, que deixaron patente a impecable defensa de xogadores como Senlle ou Samuel Villar, que conseguiron alzarse co triunfo con negras e ante rivais moi experimentados. “Como adestrador sinto máxima satisfacción polo resultado. Miguel Senlle arrancou a xornada moi sólido, sen poñerse nervioso en ningún momento”, recordou García. A rolda de vitorias completáronas Diego Guerra e Pablo García, mentres que Alberto Estévez sufríu a súa primeira derrota e un novo tropezo de Rafael Rodríguez demostrou que non está a ter “tan bo ano como ata o de agora”. “Estamos quedando un pouco curtos nos marcadores, con vitorias menos contundentes, pero imos intentalo”, ratificou o adestrador.

A vindeira xornada o Universidade de Vigo fará de anfitrión do Pokeryajedrez.com Arteixo, sexto clasificado do grupo que chegará co seu principal obxectivo, conseguir a permanencia, practicamente acadado. Os encontros serán o sábado 26 na sala de xadrez do Servizo de Deportes do campus vigués(17.00 horas), onde o equipo de García volverá a recuperar a Manuel Pena tras a xornada de descanso e manterá a Miguel Senlle e Samuel Villar “que están en racha”. Rafael Rodríguez terá descanso para ir a xogar un torneo a Francia e “cambiar un pouco de aires”. Tras esta xornada, unha semana de parón polo entroido que o equipo aproveitará “para adestrar e pór en forma aos que estaban sen xogar, porque ao non practicar e ter a cabeza noutro sitio perdes maña”, subliñou Pablo García.

Terceira derrota do equipo escolar

Ano de transición para o equipo escolar do Universidade de Vigo-Xadrez Galego, que pechou a xornada perdendo 1-3 na casa contra o Laroca-Nigrán A. O grupo, que a pasada tempada rematou campión da Primeira División, foi ideado para a formación e adquisición de experiencia dos máis novos logo de que os xogadores que o ano pasado conseguiron o liderado da categoría pasaran a integrarse no primeiro equipo.

Nesta ocasión só Ricardo Baldwin e Jorge Iglesias conseguiron arrincar medio punto tras asinar un empate, mentres que Roi Cabanas e David Pérez nada puideron facer para gañar a partida. O vindeiro encontro será o sábado 26 ante o CXF Porto de Vilagarcía, equipo que está a ser moi superior aos demais da categoría e que case con toda seguridade estará na División de Honra a próxima tempada.