DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Volve á Primeira División Nacional tras liderar toda a fase de ascenso

O Universidade de Vigo de xadrez regresa á elite

O equipo, co 100% dos seus xogadores galegos, sitúase entre un dos 20 mellores de España

Etiquetas
  • Vigo
  • Deportes
Noemí Rey DUVI 17/08/2011

O equipo de xadrez da Universidade de Vigo acaba de escribir unha nova páxina dourada na historia deste deporte: acadou o ascenso á Primeira División Nacional, unha categoría que manterá ao club vigués entre os 20 mellores de toda España polo menos durante todo o vindeiro ano. Os universitarios xa ascenderan no 2009, só un ano despois da creación desta categoría, pero tras unha tempada no máis alto volveron descender no 2010. “Regresar á elite nacional é froito do intensivo traballo realizado nos últimos anos. Pensar en manterse no 2012 é soñar, pero non é a primeira vez que demostramos que os sonos ás veces fanse realidade”, recorda Pablo García, capitán do equipo.

O Universidade de Vigo foi o líder indiscutible do Campionato de España de Clubs, que se disputou en Padrón entre o 10 e o 14 de agosto, seis partidas en cinco días nas que os xogadores vigueses tiveron que enfrontarse a equipos profesionais cun gran elenco de Grandes Mestres Internacionais nas súas filas. Todo un éxito e unha “satisfacción” para un club creado para ir máis aló do deporte e no que o 100% dos seus xogadores son galegos, “algo que non pode dicir probablemente ningún outro equipo, que tamén contan con estranxeiros nas súas filas”. Por iso, pola xesta acadada, o equipo vigués mira agora cara as Administracións públicas en busca de axuda para manterse na Primeira División.

Facendo historia

Ata o de agora só un equipo galego acadou o mesmo que o Universidade de Vigo de xadrez: o Marcote, un club profesional con un orzamento elevado e actual campión de España. Para esta proeza, Pablo García contou coa maioría dos xogadores que disputaron a Liga Galega, uns xadrecistas que mantiveron un plan especial de adestramento dende comezos de verán para chegar no mellor estado de forma posible. Aínda que todos debutaron na competición, o heroe foi o capitán, que conseguiu pasar por riba do Gran Mestre polaco Marcin Dziuba.

Entre o resto dos clubs galegos, risas e bágoas. O Círculo das Artes de Lugo pasou de ser a gran sorpresa por eludir o descenso e facer unha importante inversión para fichar a dous Grandes Mestres do equipo olímpico da República Checa a ter que conformarse co sétimo posto. Mentres, o Círculo Ferrolán de Xadrez mantivo as opcións de ascenso ata o último intre. “A resposta do equipo ante os grandes retos roza o incrible e non é froito da casualidade ou dun golpe de sorte. Agora toca descansar e asimilar con calma este novo éxito antes de plantexar en setembro a nova tempada”, asegura García.

O Iveco, de novo en marcha

Outro dos equipos que leva o nome da Universidade pola elite deportiva é o Iveco, que onte comezou de novo os seus adestramentos á espera de que cheguen reforzos dende Nova Zelanda. Polo momento, unha intensa preparación para a primeira tempada que un equipo de rugby galego milita na División de Honra centrándose na preparación deportiva para debutar o vindeiro 10 de setembro ante La Vila. Para ir facendo boca, o club xogará dous amistosos durante a pretempada: o 27 de agosto entre dous equipos formados polo plantel senior e o 3 de setembro ante o Louza Rugby en Portugal.

Para dar o último impulso ao equipo, nos últimos días confirmábase a continuación de Iveco España como patrocinador dos senior masculinos, ademais da ampliación da colaboración coa Universidade de Vigo e co Concello.