DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nun concurso promovido pola Comisión de Divulgación do CITMAga

As universidades galegas buscan coñecer como se celebra o Día Internacional das Matemáticas nos centros de ensino

Aberto á participación de profesorado de todos os niveis educativos

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Divulgación
  • Transferencia
DUVI Pontevedra 01/03/2024

Impulsado polas tres universidades galegas, o Centro de Investigación e Tecnoloxía Matemática de Galicia (CITMAga) naceu en 2022 coa vontade de integrar as capacidades científicas neste ámbito das tres institucións académicas e tamén cunha clara aposta pola transferencia do coñecemento. No marco das actividades da súa Comisión de Divulgación Científica, na que a UVigo está representada pola profesora da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte Marta Pérez, este centro impulsa por primeira vez o Concurso PIMAga. Trátase dunha iniciativa dirixida a descubrir as actividades que realiza o alumnado galego, nos diferentes niveis de ensino, para conemmorar o Día Internacional das Matemáticas, que se celebra o 14 de marzo.

Este I Concurso PIMAga xorde coa finalidade de achegar as matemáticas á sociedade dun xeito amigable e, para iso, búscase promocionar e premiar as distintas iniciativas e actividades que, co gallo desta conmemoración, o profesorado desenvolve nas aulas dos centros de ensino de toda Galicia. Con ese obxectivo, convócase ao persoal docente dos diferentes niveis educativos a que presenten as súas propostas dando resposta á pregunta de “que fas na túas aula para celebrar o Día Internacional das Matemáticas”, segundo sinalan desde o CITMAga.

O profesorado dispón de prazo ata o 31 de marzo para remitir as súas propostas, a través do correo citmaga@citmaga.gal. Estas serán avaliadas polos investigadores das tres universidades que integan a Comisión de Divulgación Científica do CITMAga, tendo en conta tanto o grao de execución e desenvolvemento das propostas, como a súa orixinalidade.