DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Coa celebración en Santiago dunha xornada sobre roles de homes e mulleres en tempos de crise

As universidades galegas crean un punto de encontro sobre investigación de xénero

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
DUVI 20/06/2013
A crise invádeo todo e ten impactos sumamente profundos en moitos eidos eidos da sociedade, entre eles a loita contra contra a discriminación de xénero. Por este motivo as unidades de igualdade das tres universidades galegas decidiron afondar nestas repercusións na I Xornada Universitaria Galega en Xénero que se celebra en Santiago de Compostela este xoves 20 e o venres 21. O tema central desta primeira edición, que arranca con vocación de continuidade, son os roles de xénero en tempo de crise, de modo que o persoal investigador das tres universidades galegas e os expertos e expertas participantes poden, ao longo destes dous días, buscar puntos de encontro, xerar debates e propor respostas sobre a repercusión que crise está a ter neste eido.

O acto de inauguración oficial do encontro celebrouse na mañá deste xoves na Sala de Debates do Centro de Estudos Avanzados presidida polo reitor da USC, Juan Casares acompañado pola secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella; a vicerreitora de Responsabilidade Social e Calidade da USC, Benita Silva; a de Responsabilidade Social da Coruña, Araceli Torres; e a secretaria xeral da Universidade de Vigo, Inmaculada Valeije.

A I Xornada Universitaria Galega en Xénero estrutúrase en tres áreas temáticas nas que se afonda nas políticas públicas de igualdade, baixo a coordinación da Oficina de Igualdade de Xénero da USC; sobre mulleres e mercado laboral, coordinada pola Oficina para a Igualdade de Xénero da Coruña; e arredor da corresponsabilidade e conciliación, da que se encargará a Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo.

Ademais de para crear un punto de encontro e intercambio para aproveitar as sinerxías do persoal docente e investigador do Sistema Universitario Galego, estas xornadas impulsarán o debate sobre os cambios nos roles de xénero no momento actual ao tempo que dar visibilidade ás investigacións neste eido e promover a creación de redes de investigación interuniversitarias e multidisciplinares con perspectiva de xénero.

Programa das xornadas

Logo do acto inaugural, Arantxa Elizondo, da Universidade do País Vasco, referiuse ao caso de Euskadi en canto aos logros e retos nas políticas de igualdade, dando paso a unha mesa redonda sobre a primeira área temática, das políticas públicas de igualdade. A xornada da tarde arranca ás 16.00 horas coa conferencia de Lina Gálvez, da Universidade Pablo de Olavide, titulada Intensificación do traballo das mulleres en tempos de crise. Deseguido, celebrarase unha mesa redonda sobre mulleres e mercado laboral.

O programa do venres 21 comezará ás 10.00 horas coa conferencia Two paradigms for reconciling family and work de Colleen Sheppard, da McGill University de Montreal, que tamén participou este xoves no campus vigués nas Xornadas Vellas e novas formas de discriminación laboral nun contexto de crise. Seguiralle a mesa redonda dedicada a corresponsabilidade e conciliación. A partir das 13.00 horas, a coordinadora da Oficina de Igualdade da USC, Eva Aguayo; a directora da Oficina homónima da Universidade da Coruña, Ana Jesús López; e a directora da Unidade de Igualdade de Vigo, Anabel González, presentarán as conclusións da xornada.

Ao longo destes dous días, dende a Universidade de Vigo participarán nas xornadas, ademais da directora da Unidade de Igualdade, Anabel González Penín, as profesoras Purificación Mayobre, Coral del Río e Francisca Fernández Prol, así como o profesor Jaime Cabeza Pereiro, que será o encargado de moderar a mesa redonda Corresponsabilidade e conciliación.