DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No acto celebrado en Vigo, o reitor, Manuel Reigosa, reclamou un acordo estatal sobre financiamento

As universidades galegas inauguran o novo curso apostando pola internacionalización para encarar a crise demográfica

O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, destacou o papel do SUG como motor de progreso

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Reitor
  • Institucional
DUVI 08/09/2023

A internacionalización como clave para facer fronte ás dificultades na captación de estudantes derivadas do reto demográfico, a renovación dos cadros de persoal docente e investigador, a LOSU e o financiamento. Estas son as principais claves que marcarán o presente e o futuro das universidades galegas, como quedou patente no acto oficial de inauguración do curso 2023/2024 do Sistema Universitario Galego que se celebrou este venres no campus de Vigo. O reitor vigués, Manuel Reigosa, en representación das tres universidades galegas, sinalou estes catro aspectos como os principais retos aos que se enfrontan os campus galegos, nun acto ao que tamén asistiu o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, que destacou a aposta do goberno galego pola investigación universitaria e o papel da universidade como garantía básica da igualdade de oportunidades. Rueda e Reigosa estiveron acompañados na mesa presidencial polos reitores das universidades de Santiago de Compostela, Antonio López; e da Coruña, Julio Abalde, así como polos presidentes dos consellos sociais das tres universidades do SUG; Ernesto Pedrosa, da UVigo; Cecilia Sierra, da USC; e Antonio Abril, presidente do Consello Social da UDC e Conferencia de Consejos Sociales de las Universidades Españolas. A encargada de impartir a lección inaugural do novo curso foi a catedrática do Departamento de Escultura Yolanda Herranz, que se centrou no autorretrato do artista e as súas sombras, reflexos e reflexións, incluíndo unha performance titulada (el) ARTE es ARTE.

Ao evento, celebrado na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais, asistiron tamén os conselleiros de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, Román Rodríguez; Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo; e Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, así como o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices. Ademais, a esta cita non faltaron o alcalde de Vigo, Abel Caballero; o presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López; o tenente de alcalde do Consello de Ourense Armando Ojea; a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez; e o presidente da Confederación de Empresarios de Pontevedra, Armando Ojea, xunto a diferentes autoridades civís e militares e representantes do mundo académico, político e cultural.

Novos retos para a universidade galega

Na súa intervención, o reitor da UVigo, Manuel Reigosa, fixo un percorrido histórico dende o nacemento da Universidade de Compostela en 1495, “que foi fundamental para o desenvolvemento de Galicia e da que somos orgullosos herdeiros” tras o proceso de segregación de Vigo e A Coruña. Coa vista posta na actualidade, o reitor puxo o foco nas principais fortalezas do sistema universitario galego, que cualificou como “un soño compartido que permite a excelencia e a xeración de coñecemento”. Salientou en primeiro lugar o feito de contar cun Plan de Financiamento Plurianual, que cualificou de “fundamental e acaído”, xa que permite unha planificación a medio prazo, algo que representa unha vantaxe fronte a outras comunidades autónomas e outros sistemas. En segundo lugar, lembrou que as taxas de matrícula en Galicia están “entre as máis baixas de España”, pero o plan de financiamento compensa esta limitación dos ingresos, o que sitúa o sistema universitario galego “na banda media-alta de financiamento no ámbito nacional”. O reitor tamén puxo o foco nun terceiro aspecto, o actual proceso de especialización dos campus, “unha iniciativa que non existe noutros sistemas universitarios” en España e que permite “harmonizar e apoiar os campus non centrais”. Un cuarto aspecto ao que se referiu Reigosa é o clima de cooperación entre as tres universidades galegas, con graos, mestrados e doutoramentos conxuntos e múltiples acordos no seo do SUG e coa consellería sobre o mapa de titulacións, docencia clínica, intelixencia artificial, financiamento ou infraestruturas. Finalmente, salientou a posta en marcha do selo CIGUS, que permite a agrupación de forzas nos eidos nos que as tres universidades son máis fortes, co obxectivo de levar a investigación en determinadas áreas ao máis alto posible.

Tras destacar as fortalezas do SUG, o reitor vigués tamén se referiu aos retos máis relevantes no futuro inmediato, que pasan pola renovación dos cadros de persoal docente e investigador para facer fronte ás xubilacións; as dificultades na captación de estudantes derivadas do reto demográfico e a internacionalización como resposta; a LOSU e o financiamento.

Respecto da proxección das xubilacións no período 2012-2039, Reigosa sinalou a necesidade de adiantar as contratacións usando a figura do profesorado axudante doutor que imparte 180 horas en vez de 240 e a necesidade de ampliar a masa salarial durante o período transitorio.

Sobre a situación demográfica e o seu impacto na evolución do alumnado matriculado no SUG, Reigosa alertou da magnitude do reto, xa que a partir de 2025 e, sobre todo de 2030, producirase unha drástica redución da poboación xuvenil, pasando dos 21.000 estudantes que na actualidade teñen idade para realizar a ABAU a 14.000 en 2038, un terzo menos que na actualidade. Ante este reto apostou por aproveitar as potencialidades das “tres magníficas universidades e os sete campus” para captar estudantes internacionais e para axudar ao país a facer fronte a esta crise. Para iso reclamou un esforzo conxunto da consellería e das tres universidades públicas para atraer estudantado estranxeiro, poñendo o foco en Iberoamérica, pero tamén noutras latitudes. Como exemplo deste tipo de acordos referiuse ao sistema de bolsas BEME para mestrado destinadas a descendentes de galegos e galegas nados no estranxeiro. Este tipo de propostas, destacaba, non só permiten captar alumnado, senón tamén fixar poboación, xa que o 74% dos beneficiarios quedan a traballar e formar unha familia en Galicia. Ademais, o responsable da UVigo tamén apostou pola entrada en universidades europeas como estratexia para potenciar este proceso de captación. 

En resumo, destacaba o reitor vigués, “precisamos unha estratexia galega para a internacionalización das universidades públicas que permita encarar o reto demográfico e o relevo xeracional e sería desexable un grande acordo sobre o financiamento das universidades do Estado, que se debería acadar na conferencia de política universitaria”. A isto engadía a necesidade de “seguir traballando nun sistema universitario galego ben artellado”, que saque partido de novas propostas como graos internacionais no seo das universidades europeas, microcredenciais, graos abertos, graos duais e novas formas de ensinanza.

Rueda garante o apoio da Xunta para reforzar a I+D+i universitaria

O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, aproveitou o seu discurso neste acto de apertura de curso para reivindicar o papel das universidades galegas como “motor do progreso de Galicia”, facendo así fincapé en que “apoiar as universidades é apoiar a excelencia do país”.  Nesta liña, agradeceulle aos tres reitores o  seu espírito de cooperación, algo que cualificou como “fundamental” e que, ao seu modo de ver, non vai en contra da necesaria defensa dos intereses de cada unha destas institucións. “Para construír Galicia é fundamental saber cooperar, defendendo os intereses e as aspiracións de cada universidade, pero sen competir”, subliñou o presidente, remarcando a idea de que “desta colaboración beneficiámonos todos”.

Coincidindo co reitor vigués na súa descrición sobre a situación actual das universidades galegas e dos retos que teñen por diante, o presidente do executivo galego salientou que “esta diagnose é o mellor punto de partida para poder enfrontalos e solucionalos”. Rueda concordou tamén con Reigosa en que a descentralización e a proximidade a aos problemas que supuxo o estado autonómico foi un salto importante para o desenvolvemento do país, tanto das súas universidades como do conxunto do seu territorio. “Estamos ante un novo ano académico que vai marcar o futuro de miles de alumnos e alumnas e que será tamén determinante para o futuro de Galicia”, salientou Rueda, ao tempo que lembrou que a educación é o principal ascensor social, polo que “se falamos de igualdade real e de configurar sociedades do futuro as universidades son fundamentais”.

Gabando a situación das universidades galegas, ás que se referiu como “referentes de calidade e de excelencia”, subliñou que o SUG está á vangarda en estudos e renovación constante da oferta académica e conta con grupos de investigación punteiros a nivel internacional, pero que o país non debe conformarse con isto, “temos que tentar perseverar naquilo que funciona”, entre outras cuestións o Plan de Financiamento, e “prestarlle cada vez máis atención á investigación, reforzando o apoio ao I+D+i, non só en termos económicos, senón a nivel xeral”. Neste senso, fixo referencia ao denominado Plan Reforza da Investigación feito público no Consello da Xunta desta semana e que, financiado con 19 millóns de euros, vai dotar ás tres universidades públicas galegas de tecnólogos especializados en materia de I+D+i co obxectivo de darlle soporte á actividade científica que veñen desenvolvendo e facilitando a transferencia de coñecemento.

As dimensións do autorretrato e o seu papel no presente

Baixo o título de El autorretrato (del artista). Sombras, reflejos y reflexiones, Herranz trazou na lección inaugural un percorrido polas diferentes concepcións do autorretrato ao longo da historia da arte. “O autorretrato enmárcase na problemática do suxeito”, co que se pon en cuestión á identidade e co que se conxuga o “rexistro físico” cunha “introspección profunda” do artista sobre si mesmo, sobre "o seu sentir e pensamento", salientou a catedrática do Departamento de Escultura.

Herranz abriu este percorrido histórico lembrando a figura da pintora Artemisia Gentileschi, “practicamente esquecida” durante séculos e hoxe “considerada precursora do feminismo”. Nunha lección completada pola proxección dunha selección de obras, Herranz lembrou que non sería ata o Renacemento cando o artista comece a figurar como “elemento central dos seus cadros”, para logo ir avanzando nas múltiples dimensións do autorretrato, que vinculou tanto a “transcendencia do ser”, a permanencia ou o recoñecemento; como o "conceptual, que pretende o pensamento”, o psicolóxico, “que explora o traumático”, ou o onírico, “que acomete e proxecta os desexos”. 

Este percorrido histórico levou finalmente á artista e docente a reflexionar sobre como o autorretrato se converteu nalgo “masivo” na sociedade actual, deténdose en tres medios empregados nos últimos dous séculos para retratarse a un mesmo, as cámaras Polaroid, o fotomatón e os selfies. Estes últimos, sinalou, “son capturas de momentos que impoñen a urxencia de ser inmediatamente compartidos”, imaxes que “retratan unha sociedade que os expertos definen como ensimesmada, superficial, egocéntrica e egoísta”, pero que tamén poden converterse nunha “ferramenta moi eficaz” cando se emprega “como reivindicación”. Finalmente, Herranz pechou esta lección deténdose no traballo realizado, no eido do autorretrato, polo tamén catedrático de Belas Artes Jesús Pastor e na súa propia serie El arte sana / El arte cura.

Tras a lección, a catedrática levou a cabo, xunto a dez persoas vinculadas ao seu labor como investigadora ou docente, a performance (el) ARTE es ARTE. Esta acción articúlase en torno á selección de 704 termos, que no seu recitado, ían reconstruíndo continuamente a verba arte a través das súas iniciais, tratando de establecer unha aproximación ao seu significado desde múltiples acepcións.