DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Os ourensáns conseguen unha praza de ascenso tras gañar ao Arteixo 61-60

O Universitario Campus de Ourense, un equipo de Primeira División

Satisfacción e moita alegría entre os xogadores e o equipo técnico

Etiquetas
  • Ourense
  • Deportes
Rosa Tedín DUVI 02/05/2011
Foi necesario agardar ata o último segundo para celebralo pero finalmente o Universitario Campus de Ourense conseguiu esta fin de semana unha das prazas de ascenso á Primeira División masculina nacional de baloncesto. Nun pavillón ateigado de público, o equipo que dirixe Javier Pérez gañou ao Arteixo por un axustado resultado final de 61-60 que pecha unha excelente tempada dos ourensáns, que veñen de proclamarse campións da Liga Sénior Masculina da Federación Galega de Baloncesto 2010/2011.

“Chegábamos á fase de ascenso moi conscientes das nosas posibilidades e coa mentalidade axeitada á nosa condición de favoritos”, salienta o adestrador. Esta mentalidade foi a que lles permitiu enfrontar con éxito os partidos da fase de ascenso que se xogaron esta fin de semana no Pavillón de Deportes do campus de Ourense. O seu primeiro encontro foi contra o AP Cambre e perderon 54-49 “polos nosos nervios e ansiedade e por tratarse dun rival que nos coñecía moito”, recoñece o adestrador. O segundo partido enfrontou ao Universitario Campus Ourense co CB Allariz nun partido no que os ourensáns conseguir a vitoria 44-69 e “superaron as vellas pantasmas que nos deixaron sen o ascenso o ano pasado, reencontrándonos co xogo baseado na velocidade e na defensa”.

Con estes resultados, o club enfrontou o domingo o seu último partido sabendo que dependía de si mesmo para ascender. O equipo estivo por diante no marcador durante practicamente todo o partido pero a falta duns minutos para o final, o Arteixo aproximouse ata estar a tan só un punto. Foron momentos de moitos nervios na grada e na cancha nos que se vía perigar o ascenso pero na última acción o balón do equipo contrario non entrou e se desatou a felicidade no pavillón.

Unha tempada 10

Sobre a liga que culmina agora, Pérez salienta que o equipo “foi un bloque sobre calquera individualidade, como demostra o feito de que en todos os partidos, todos os xogadores tiveron minutos e todos aportaron cousas, tanto en ataque como en defensa”. Grazas a elo, explica o adestrador, a idea de ascender coa que comezou a liga foi medrando partido a partido ata conseguir a vitoria. Trala celebración o domingo do ascenso e do remate dunha liga da que se proclamaron campións, Javier Pérez advirte de que “agora toca pensar no futuro, nun próximo ano que será moi complicado e no que non podemos perder todo o que temos conseguido porque nos custou moito”.

Despois de tres días de competición polo ascenso, o último día entregáronse os galardóns de recoñecemento nun acto presidido por María Lameiras, vicerreitora do campus de Ourense, e Armando Pena, vicepresidente da Federación Galega de Baloncesto. O Universitario Campus de Ourense recibiu unha copa como primeiro clasificado da fase e ao AP Cambre outra como segundo clasificado que acada tamén o ascenso a Primeira División.

Deste xeito remata unha tempada excepcional para o baloncesto universitario ourensán. “O que fixeron os equipos esta tempada é de 10. Tanto o masculino coma o feminino coma o júnior fixeron unha excelente liga e acadaron todos os obxectivos previstos ao inicio das competicións”, salienta Luis Pérez, responsable da sección de baloncesto do campus e presidente do Universitario Campus de Ourense.

Por este motivo, presidente e adestrador do club queren felicitar a todo o equipo, composto polo segundo adestrador Víctor, o preparador físico Alberto, e os xogadores Jorge, David, David Conde, Jóse, Adrián, Iñaki, Dani, Rubén, Noguerol, Christian, Gonzalo e Darío. Entre eles fan unha especial mención a David Conde, que se lesionou no segundo partido xogado esta fin de semana e que non puido participar no encontro que lles deu o ascenso.