DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O grupo de investigación de Pedro Figueroa dirixe o proxecto 'Bioforos' financiado por BIC Galicia

O uso de biomateriais ábrelle novas portas ao tecido empresarial galego

A innovación biotecnolóxica pode ser clave para os sectores estratéxicos galegos como o téxtil e ali

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Investigación
Bea Feijóo DUVI 25/01/2012

Renovarse ou morrer. Ante estas opcións, o tecido empresarial galego vai na procura de oportunidades de negocio que lle permitan medrar e consolidarse a pesar da crise, un obxectivo para o que conta co apoio do grupo de investigación G4+ da Universidade de Vigo que organizou este mércores, xunto con BIC Galicia, a Xornada de divulgación e transferencia de coñecementos sobre solucións biotecnolóxicas para a innovación en Galicia co fin de que os diferentes axentes “coñezan as posibilidades de crecemento que achega o mundo dos biomateriais aos distintos ámbitos”, explicou Pedro Figueroa, investigador principal de G4+, grupo cunha dilatada experiencia no eido do desenvolvemento estratéxico e innovación tecnolóxica.

Este encontro, celebrado no Museo Pedagóxico de Galicia, estivo dirixido a empresarios, emprendedores, tecnólogos e investigadores interesados en apostar pola biotecnoloxía como estratexia de desenvolvemento, en concreto polas potencialidades de integrar bioplásticos e biotecidos téxtiles no proceso de produción. Como destacou o investigador principal de G4+ durante a xornada, “o emprego de biotecidos e bioenvases é unha vía de diferenciación e de mellora da competividade de dous sectores estratéxicos en Galicia como son o da alimentación e téxtil”. Tanto é así que a innovación biotecnolóxica “xa forma parte dos eixos de actuación de clústers e plataformas tecnolóxicas galegas relacionadas con estas actividades empresariais”, engadiu.

Achegas dun gran número de expertos

A xornada recolleu as conclusións finais de dous bioforos celebrados con anterioridade nos que grupos de expertos analizaron polo miúdo as oportunidades de negocio dos biomateriais. En estes dous foros participaron axentes do ámbito da investigación aplicada, como a Área de Nutrición e Bromatoloxía da Universidade de Vigo e representantes do sector tecnolóxico e empresarial co fin de analizar as tendencias do mercado e as posibles solucións biotecnolóxicas que contribúan a impulsar novas actividades empresariais ou mellorar o posicionamento das empresas galegas.

Cunha grande experiencia no eido do desenvolvemento estratéxico empresarial, o profesor Pedro Figueroa salientou a importancia de organizar este tipo de xornadas que contribúen a mellorar a competividade do tecido empresarial galego. “Un documento elaborado por un grupo de expertos que conxuga a visión da investigación, do desenvolvemento tecnolóxico e do mercado e posteriormente discutido en unha mesa de traballo, supón un elemento de gran valor que é necesario transferir”, apuntou, co fin de que os axentes implicados aliñen as súas actuacións e xeren sinerxías “para crear valor engadido a través da innovación”, engadiu.

Unha xornada intensiva

Tras unha presentación xeral do propio profesor Pedro Figueroa e de Jacobo García-Durán, director de área de BIC Galicia, a xornada de este mércores dividiuse en dúas partes, unha primeira na que se debateu sobre as oportunidades dos bioplásticos como envases e embalaxes activos e intelixentes contando coas intervencións de Roberto Alonso, en representación do Clúster Alimentario de Galicia (CLUSAGA); Lorenzo Pastrana, profesor da Área de Nutrición e Bromatoloxía da Universidade de Vigo; José M. López, membro do Centro de Investigacións Tecnolóxicas da Universidade de A Coruña e de Antonio Sartal, experto en I+d+i alimentario. A segunda parte da xornada estivo centrada nos biotecidos téxtiles, analizando polo miúdo as vantaxes de empregar biofibras, materiais biodegradables e téxtiles intelixentes no proceso de produción participando, entre outros axentes, o Clúster Galego Téxtil e Moda - COINTEGA, o Laboratorio Ibérico de Nanotecnoloxía (INL International) e o Centro Tecnolóxico das Industrias Téxtil e Vestiario de Portugal (CITEVE).