DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Así o recolle Ariana Pérez no seu proxecto fin de carreira presentado na Escola de Enxeñaría Foresta

O uso de cámaras de vixilancia reduciría nun 95% o tempo de reacción nun incendio forestal

Pasaríanse dos 21 minutos actuais a necesitar só un minuto para actuar

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Investigación
Bea Feijóo DUVI 16/07/2012

Nos últimos anos Galicia converteuse na rexión española na que se rexistran o maior número de incendios forestais. Co obxectivo de previlos ou “polo menos de reducir as súas consecuencias”, Ariana Pérez, nova enxeñeira técnica forestal, deseñou para o seu proxecto final de carreira un sistema automático de detección de incendios forestais, baseado na instalación de cámaras de videovixilancia para as demarcacións de Pontevedra e O Morrazo. “Este método diminuiría o tempo crítico entre que se ve o incendio e se avisa aos mandos de coordinación de 21 minutos a 1 minuto”, explica Pérez, o que supón reducir nun 95% a marxe de reacción cunha práctica “que xa se está probando nos bosques de Barcelona”.

Na actualidade, os métodos de control de incendios "redúcense a postos de vixilancia fixos e móbiles e o teléfono para a cidadanía que é o que mellor funciona”, aclara a investigadora. Como alternativa, Pérez expón este método que achega información permanente da situación dos bosques e que “multiplica por dez a eficacia dos sistemas de detección actuais”. Segundo datos do Plan de Prevención e Defensa Contra os Incendios Forestais de Galicia da Xunta, PLADIGA 2011, o tempo medio de reacción na detección de incendios nos últimos dez anos é de 21 minutos, “pero o sistema proposto xa fai automaticamente os labores de detección, sitúa o fogo no plano, achega referencias xeográficas e avisa aos mandos de coordinación polo que esa fase veríase reducida”, apunta Pérez, o que tamén inflúe nunha diminución do tempo de control e da duración do incendio, “e por tanto tamén nos gastos de extinción”.

Incremento da zona forestal vixiada

O proxecto de Ariana Pérez propón complementar as dúas torres de vixilancia activas na zona de estudo coa instalación de sete pares de cámaras “pasando de vixiar un 55% de superficie forestal a case un 75%”, sinala. A investigadora suxire dispor dúas cámaras por cada punto de ubicación, unha dedicada a gravar en directo en varridos de 360 graos e a segunda, disposta para detectar posibles incidencias. “O sistema podería funcionar só cun dispositivo, pero en caso de incendio, unha estaría fixa no problema detectado e a outra seguiría vixiando o espazo natural”, aclara Pérez que tamén recomenda que as cámaras se coloquen a unha distancia de 15 quilómetros como máximo “con contacto visual” entre elas. Un software irá comparando as imaxes facilitadas polas cámaras “e cando detecte algunha alteración, emitirá sons que alertarán ao operador para que fixe unha no punto en concreto e comprobe dende o seu posto que está ocorrendo sen necesidade de desprazarse”. Pérez defende a súa posta en práctica, o que suporía un investimento total de 600.000 euros amortizados en 15 anos “pero poderíase comezar coa instalación de dúas cámaras para comprobar a súa efectividade, eficacia e os beneficios a curto prazo”.

Outros beneficios

Este sistema de cámaras automáticas non só conseguiría aumentar a superficie visible e unha vixilancia as 24 horas dos 365 días do ano, senón “que tamén achega outros servizos e vantaxes que coas torres convencionais non é posible”, como a “perfecta” detección nocturna; a análise posterior das gravacións, o que permite documentar e mellorar os protocolos de detección de incendios; a mellora das condicións de traballo dos vixías actuais, así como o uso das imaxes para estudar a evolución da masa forestal e facer un seguimento metereolóxico, do urbanismo, da polución ou do acceso de persoas, “aproveitando que recolle información constantemente”, conclúe Pérez.