DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Ladislao Castro, profesor de Historia Antiga da Universidade de Vigo:

"O uso das máscaras é algo universal"

Un curso analiza en Xinzo a festividade do entroido dende a perspectiva histórica e antropolóxica

Etiquetas
  • Ourense
  • Cultura
Raquel Feijóo DUVI 13/07/2010

En Sudáfrica hai un xacemento arqueolóxico chamado Makapansgat que é de grande importancia para os historiadores por agochar depósitos de Australopithecus –un xénero extinto de primates homínidos-, que se remontan ao redor de tres millóns de anos. Ladislao Castro, profesor de Historia Antiga da Universidade de Vigo, amosou este lugar aos asistentes ao curso sobre O ciclo do entroido dende a perspectiva histórica e antropolóxica para subliñar a existencia nese lugar “dunha pedra que ten toda a pinta de ser un rostro humano”. O docente utilizou este exemplo e outros moitos para facer un percorrido polo uso da máscara dende a prehistoria ata a cultura grega clásica e para afirmar que “o uso de máscaras é algo universal”. Na súa opinión, “é moi estraña a sociedade que non utiliza manifestacións ou iconas para a representación de arquetipos, ideas abstractas ou representacións cósmicas”, declarou.

Ladislao Castro é un dos relatores que participan nun curso de extensión universitaria sobre o entroido que se está a desenvolver durante toda esta semana na Casa da Cultura de Xinzo de Limia co obxectivo facer un percorrido polas variedades desta festa en Galicia e no Noroeste peninsular. O encontro foi inaugurado este martes no transcurso dun acto presidido pola vicerreitora do campus, María Lameiras e no que interviñeron tamén Fátima Braña, profesora de Antropoloxía Social e Patrimonio Cultural da Universidade de Vigo e directora do curso e Daniel Blanco, tenente alcalde de Xinzo.

A festa máis emblemática de Xinzo de Limia

Na súa intervención Daniel Blanco, valorou moi positivamente a celebración do curso na vila porque, segundo explicou, “vai axudar a por en valor a festa máis emblemática que temos na Limia”. Fátima Braña, pola súa banda, desculpou a ausencia do profesor Xosé Antón Fidalgo Santamariña a quen definiu como “a alma deste curso e a quen lle debemos a calidade dos relatores e das temáticas que imos tratar ao longo destes días”. Unhas palabras de recoñecemento compartidas tamén pola vicerreitora María Lameiras, que subliñou “o grande interese da temática e a calidade dos relatores” como os principais activos do curso.

O relatorio inaugural correu a cargo do sacerdote e profesor –doutor en Filoloxía Románica- Elixio Rivas, que falou da Etimoloxía e semántica de entroido e as súas figuras representativas. De seguido foi a quenda do historiador Ladislao Castro que invitou aos asistentes ao curso a facer unha viaxe dende a prehistoria ata a cultura grega clásica a través do uso da máscara, que definiu como “inseparable da aparición da conciencia e da identidade humana”.
Milagros Cavada, decana da Facultade de Historia, pasou da cultura grega á romana para falar das festas agrarias que se celebraban nesta sociedade e que, segundo afirmou, “gardan unha fonda relación co carnaval”. Sinalou a historiadora que “Roma é un pobo agrario dende as súas orixes” e fixo fincapé nas festividades do mundo agrario que se celebraban naquela época –como as festas saturnais, por exemplo- porque, segundo sinalou, “teñen unha repercusión de máscara”.

O ciclo do carnaval nas artes plásticas

O curso prolongarase ao longo de toda esta semana coas intervencións de máis especialistas que abordarán a temática dende diferentes perspectivas, como a posición da igrexa diante do ciclo do entroido e a promoción turística e a patrimonialización desta festividade.

Entre os relatores que intervirán no seminario está o historiador Xavier Limia Gardón que ofrecerá un relatorio este mércores sobre O ciclo do carnaval nas artes plásticas. O relator aproveitará a súa presenza no curso para analizar as máscaras de carnaval ourensán a través dos artistas do século pasado e de comezos deste no contexto artístico da arte europea. O relator explica que “hai unha chea de artistas que teñen traballado neste eido, a veces de forma puntual como Moreiras nos anos 90 e outros dun xeito máis longo no tempo”.

Sinala tamén o historiador que o carnaval “ten unha gran pegada nos artistas recentes” e subliña nomes como o do escultor Arturo Baltar, “que con máis de 80 anos viviu o carnaval dun xeito intenso, incluso en tempos da ditadura, pero que non o plasmou demasiado nos seus traballos. Era unha maneira de vivir distinta á que se vive nos últimos anos, onde o mundo xa é un entroido, un carnaval constante”, declara.