DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Coa participación de responsables de comunicación da Armada, Airbus e Grupo Santander

O uso que empresas e institucións fan das redes sociais centra unha nova actividade da Cátedra Álvarez-Ossorio

Este xoves 29, na Escuela Naval Militar

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Congresos e xornadas
  • Académica
DUVI Pontevedra 26/02/2024

Comunicación e cultura son no presente curso os eixes temáticos da programación da Cátedra Almirante Álvarez-Ossorio, que promoven conxuntamente a Universidade de Vigo e a Escuela Naval Militar (ENM) e que este xoves dá inicio as actividades do segundo cuadrimestre cunha mesa redonda sobre comunicación institucional e redes sociais. Dirixida a afondar en como empresas e institucións empregan diferentes plataformas para comunicarse cos seus públicos, esta mesa aberta ao público contará coa participación de Esteban Villarejo, asesor de comunicación de Airbus; Carlos Relloso, director corporativo de Comunicación Dixital e Redes Sociais do Grupo Santander, e do coronel Fernando del Olmo, director de Comunicación da Armada.

Como sinala a vicerreitora do campus de Pontevedra, Eva María Lantarón, directora da cátedra no presente curso, trátase da primeira das tres sesións, “sempre abertas ao público”, que este órgano de colaboración entre a Universidade de Vigo e a ENM promoverá ao longo do cuadrimestre. Esta actividade, engade, permitirá pór o foco “nun tema de total actualidade”, como son as posibilidades comunicativas das redes sociais e, máis concretamente, buscará "xerar unha reflexión sobre a importancia que teñen este tipo de ferramentas desde un punto de vista institucional e empresarial”, así como coñecer as estratexias que diferentes entidades desenvolven neste eido. Para iso, o debate combinará a perspectiva dunha institución como a Armada, da man do coronel Fernando del Olmo, coa visión de “dúas empresas que operan a nivel mundial”, como son Airbus, coa intervención de Villarejo, que desde 2023 traballa na estratexia de comunicación da súa división de avións militares; e o Grupo Santander, da man de Relloso, un profesional do márketing e a comunicación especializado na transformación dixital. 

Programada para as 19.00 horas, este foro contará con entrada libre, previa confirmación de asistencia, que pode realizarse ata este mércores 28 no correo electrónico enmsecretaria@fn.mde.es e no teléfono 986804710. 

Un órgano de colaboración 

Creada a través dun acordo de colaboración entre o Ministerio de Defensa e a Universidade de Vigo, a Cátedra Almirante Álvarez-Ossorio ten como obxectivo fomentar as relacións de colaboración entre ambas institucións e a promoción conxunta de temas culturais, técnicos e humanísticos. Tras impulsar no primeiro cuadrimestre diferentes conferencias e actividades culturais, como concertos, a programación continúa neste segundo tramo do curso co novas propostas que buscan tamén, como sinala Lantarón, “complementar a formación” e promover unha “interrelación” entre o alumnado do campus pontevedrés e o do Centro Universitario da Defensa (CUD) da ENM, adscrito á UVigo. “Promóvense tanto actividades formativas, como do ámbito cultural ou deportivo”, engade a vicerreitora, que lembra nese senso a posta en marcha o pasado curso da I Regata Cátedra Almirante Álvarez Ossorio – Trofeo Ría de Pontevedra