DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O portal foi presentado hoxe a estudantado, titulados e empresas recrutadoras 

A UVigo alíase con JobTeaser para ofrecer a alumnado e egresados oportunidades no desenvolvemento das súas carreiras profesionais

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Vigo
  • Universidade e empresa
  • Institucional
Mª del Carmen Echevarría Figueroa DUVI 03/03/2022

A vicerreitora de Estudantes, Captación de Alumnado e Extensión Universitaria da UVigo, Natalia Caparrini, e o senior success manager da plataforma JobTeaser, Pablo Colomer, foron os encargados, este mediodía, de presentar ao alumnado e persoas egresadas da UVigo así como a potenciais empresar recrutadoras, as oportunidades que o portal líder no primeiro emprego universitario a nivel internacional ofrece. Nun acto celebrado en liña, no que tamén tomaron parte a directora da Área de Emprego e Emprendemento, Maruxa Álvarez, e a técnica superior de Orientación Laboral da UVigo, Reyes Fernández, as persoas asistentes coñeceron o funcionamento da plataforma coa que a UVigo decidiu aliarse co obxectivo de achegarlle ao seu alumnado e egresados as mellores oportunidades para o desenvolvemento das súas carreiras profesionais. 

Na presentación da plataforma, Natalia Caparrini destacou a aposta da UVigo por potenciar as oportunidades de emprego do seu alumnado e tamén dos seus e das súas egresadas e lembrou que ata o de agora a Área de Emprego utilizaba un taboleiro virtual coas ofertas que lles facían chegar as empresas, “pero as novas tecnoloxías son imprescindibles para atopar emprego”, dixo a vicerreitora, que destacou entre as principais vantaxes de JobTeaser a posibilidade de personalizar as ofertas, así como o seu amplo abano de ofertas nacionais de internacionais. Pola súa  banda, Pablo Colomer agradeceu a colaboración da UVigo, “nun proxecto estratéxico para ambos” ao tempo que destacou as ferramentas coas que conta a plataforma para acompañar aos seus usuarios, “catro millóns de persoas fan uso dela nas súas universidades”, dixo Colomer, na procura dun emprego.

Ofertas, bolsas, consellos e información sobre empresas 

No Career Center de Jobteaser da UVigo as persoas interesadas atoparán ofertas de emprego e bolsas de formación práctica, tanto de carácter nacional como internacional, así como consellos e información sobre empresas de todos os sectores para iniciarse con éxito na súa primeira experiencia laboral, ou seguir medrando na súa carreira profesional. Para utilizar JobTeaser, o alumnado e as persoas egresadas pola UVigo deben crear un perfil co seu enderezo electrónico da UVigo e un contrasinal e unha vez rexistrados poderán buscar ofertas ou facer que lles cheguen activando o perfil Shorlist.