DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O edificio Redeiras acollerá un faladoiro con Fina Casalderrey, Paula Carballeira e Patricia Buxán

A UVigo celebra este xoves varios actos para conmemorar os 20 anos da Biblioteca de Tradución Galega, Bitraga

O seu catálogo virtual comprende 5887 orixinais, 7233 traducións e 3041 autorías

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Charlas e seminarios
  • Cultura
  • Académica
DUVI 26/09/2023

A celebración do Día Internacional da Tradución, que se conmemora o 30 de setembro, será este ano moi especial para a Universidade de Vigo, xa que coincide co 20 aniversario de Bitraga, a Biblioteca da Tradución Galega. Dende a súa creación en 2004, o obxectivo deste grupo de investigación é “compilar as traducións de obra galega a outras linguas e de obra estranxeira ao galego” que alimentan o Catálogo da Tradución Galega”. Con 5887 orixinais, 7233 traducións, 3041 autorías e 2187 tradutores e tradutoras de referencias literarias en formato libro, “esta ferramenta tense convertido nun espazo de documentación que impulsa a produción científica, o intercambio e o diálogo internacional relacionados cos estudos da tradución”, destacan dende Bitraga. Na actualidade, o grupo de investigación está composto polas profesoras Silvia Montero Küpper, Ana Luna, Áurea Fernández, Iolanda Galanes, Patricia Buján e o profesor Robert Neal Baxter xunto con investigadores e investigadoras novas na etapa de doutoramento e foi recoñecido polo Ministerio de Ciencia e Tecnoloxía e cofinanciado por fondos FEDER (UE), a Xunta de Galicia e a Universidade de Vigo.

Unha xornada para a celebración

Para celebrar o 20 aniversario de Bitraga, este xoves 28 terán lugar varios actos tanto no campus como na sede institucional da UVigo na cidade, o edificio Redeiras. Pola mañá, a partir das 11.30 o salón de actos da Facultade de Filoloxía e Tradución acollerá unha conferencia do profesor Burghard Baltrusch co título Walter Benjamin e a filosofía da tradución: un século con `A tarefa de quen traduce’. Nela abordará o prólogo Die Aufgabe des Übersetzers (A tarefa-abandono de quen traduce) do crítico e filósofo berlinés Walter Benjamin publicado hai 100 anos. Orixinalmente este texto é o prólogo da tradución alemá dos Tableaux Parisiens de Charles Baudelaire e considérase hoxe un documento fundamental nos estudos de tradución, que foi retraducido a numerosas linguas. A súa primeira, e até agora única, tradución ao galego foi publicada en 2007 na Universidade de Vigo. 

Xa pola tarde, en Redeiras desenvolverase un faladoiro sobre tradución galega no que participarán as escritoras Casalderrey, Premio Nacional de LIX 1996, e Paula Carballeira, Premio Nacional de Literatura Dramática 2023, xunto coa tradutora e editora Patricia Buxán. Tanto no caso de Casalderrey como no de Carballeira, as súas obras están publicadas en moitas outras linguas alén do galego, dende as linguas peninsulares, até braille, inglés, italiano, francés, portugués ou alemán e, mesmo, en turco, coreano, chinés, serbio ou bretón. Ademais, son tamén tradutoras a español tanto das súas propias obras como das doutros autores e autoras. Pola súa banda, Patricia Buxán ten unha ampla traxectoria no mundo da tradución profesional en Galicia e é responsable de que hoxe se poida ler en galego, entre outros, a Stefan Zweig, Patrick Süskind ou a Heidi de Johanna Spyri, ademais dos ensaios de Albert Einstein ou George Steiner. É tamén editora e tradutora a galego de obras de vangarda sobre emerxencia climática, ecoloxía e feminismo. 

Con esta sesión Bitraga pretende, como subliñan dende o grupo, “alén de afondar nos estudos de tradución e nos grandes números da tradución galega, visibilizar a relación coa tradución de destacadas figuras da cultura galega, coñecer os criterios de selección de novas voces e discursos e, en definitiva, salientar e render tributo ás persoas que traducen e ao seu labor”. O evento será retransmitido en directo pola canle 1 de UVigoTV.