O acto institucional será ás 12.00 horas na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais
A UVigo celebrará este venres, 26 de xaneiro, o seu patrón, San Tomé de Aquino
Entregaranse as distincións ao alumnado máis excelente da institución académica
A Universidade de Vigo celebrará este venres 26 de xaneiro o seu patrón, San Tomé de Aquino, xa que o día propio da efeméride, o 28, coincide este ano en domingo. A Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais acollerá a partir das 12.00 horas, o tradicional acto institucional no que se entregarán as distinción ás alumnas e alumnos máis excelentes da UVigo. A falta de ser aprobados oficialmente na sesión do Consello de Goberno que se celebrará este mércores, a institución fará entrega o venres de 53 premios extraordinarios de grao e 21 premios extraordinarios de doutoramento. No transcurso do acto tamén se recoñecerá o traballo e esforzo das dez persoas galardoadas cos premios Egeria á inclusión da perspectiva de xénero nos traballos de fin de grao e mestrado e dos estudantes cos mellores expedientes de novo ingreso, tanto de grao como de mestrado neste curso 2023/2024.
A celebración, que poderá seguirse en directo a través da canle 1 de UVigoTV, arrancará coa entrada da comitiva e unha breve intervención músical, á que lle seguirá a apertura do acto por parte do reitor, Manuel Reigosa, e a intervención da secretaria xeral, María José Bravo Bosch, que será o encargado de ir chamando unha a unha ás persoas premiadas. Tras a entrega de medallas e insignias terá lugar unha nova actuación musical e a cerimonia completarase co discurso do reitor e coa actuación musical, que nesta ocasión correrá a cargo de Mauro Maiño, ao violín; Margarida Mariño, ao violonchelo e a soprano Mila Ut.
Festivo na Universidade
Ao ser xornada festiva na Universidade, todos os centros dos tres campus permanecerán pechados, a excepción da propia facultade na que se celebra o acto, que abrirá de xeito exclusivo para acoller esta celebración institucional de San Tomé.