DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Con tres accións formativas deseñadas ao abeiro do proxecto europeo Firepoctep

UVigo e Concello da Guarda unen forzas na loita contra os grandes incendios forestais

A vicerreitora Maribel Doval e o alcalde inauguraron este martes unha exposición fotográfica

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Divulgación
  • Medio Ambiente
  • Investigación
DUVI 13/12/2022

Sensibilizar a poboación na loita contra os grandes incendios forestais. Este é o obxectivo das tres accións formativas que a Universidade de Vigo e o Concello da Guarda poñen en marcha esta semana ao abeiro de Firepoctep, un proxecto europeo financiado con 5,5 millóns de euros e no que 21 socios de España e Portugal, entre eles a propia Universidade de Vigo, traballan de maneira conxunta nunha dobre vertente: a loita contra este tipo de lumes e a xestión daquelas áreas xeográficas máis susceptibles de sufrilos.

A primeira das accións formativas é a exposición Fotovoz. Historia de vida dun gran incendio forestal, na que se reúnen múltiples imaxes sobre incendios forestais acontecidos na contorna da Guarda. Situada na entrada do edificio do concello, a inauguración da mostra contou coa participación do alcalde, o socialista Antonio Lomba, e a vicerreitora de Benestar, Equidade e Diversidade, María Isabel Doval, quen, ao marxe do seu labor como vicerreitora, é unha das investigadoras involucradas neste proxecto. O obxectivo da exposición, que pode visitarse ata mañá mércores, é plasmar unha realidade comunitaria a través da fotografía e dos relatos das persoas que viviron incendios forestais nesta contorna.

A segunda das accións de sensibilización realizarase esta tarde -de 17.00 a 19.30 horas- na Biblioteca da Guarda. Titulada Biblioteca humana. Testemuñas dun gran incendio forestal, esta actividade pretende crear un espazo no que persoas vencelladas a grandes incendios forestais relaten as súas vivencias, como se fosen libros vivos, e o público asistente faga preguntas, buscando o establecemento dun diálogo participativo.
 
Mañá mércores celebrarase a terceira actividade, a Feira do Gran Incendio Forestal, neste caso no CEIP Manuel Rodríguez Sinde. Será de 09.00 a 11.00 horas coa finalidade de achegar á comunidade educativa e, en concreto ao profesorado e ao alumnado deste colexio, testemuñas e materiais para concienciar sobre os lumes e os seus efectos no territorio. O encontro terá tres escenarios diferentes: o recuncho do libro, con exemplares de obras infantís e xuvenís sobre incendios forestais; o recuncho do vídeo, con materiais audiovisuais, e o recuncho da experiencia, coa testemuña de persoas da Guarda vencelladas aos equipos de extinción de incendios.

Firepoctep identificou as áreas estratéxicas de prevención dos incendios no Baixo Miño

A comarca do Baixo Miño foi unha das áreas piloto do proxecto Firepoctep, dirixido na Universidade de Vigo por Juan Picos, director da Escola de Enxeñaría Forestal. A investigación que se levou a cabo abrangueu a realización de preto de 2600 simulacións do comportamento do lume nesta zona, simulando múltiples condicións meteorolóxicas, o que lles permitiu identificar toda unha serie de zonas -entre o 5% e o 7% do territorio forestal da comarca-, na que as actuacións sobre a vexetación permitirían deter ou diminuír a intensidade dos lumes forestais. Así se expuxo o pasado mes de outubro en Huelva coincidindo coa celebración do Congreso Ibérico sobre Zonas Estratégicas de Gestión.