DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O xoves ás 12.00 horas nunha gala no edificio Redeiras

A UVigo dará a coñecer esta semana aos gañadores e gañadoras da IV edición dos Premios Consello Social UVigo Humana

Tamén se entregarán os premios ao mellores TFG e TFM en Axenda 2030 e inaugurarase unha exposición

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Premios
  • Institucional
DUVI 18/12/2023

A Universidade dará a coñecer esta semana aos gañadores e gañadoras da IV edición dos Premios Consello Social UVigo Humana. Será este xoves ás 12.00 horas no edificio Redeiras nunha gala presidida polo reitor, Manuel Reigosa, e o presidente do Consello Social, Ernesto Pedrosa. Coincidindo con esta celebración, entregaranse tamén, como é habitual, os premios aos mellores traballos Fin de Grao e Fin de Mestrado en materia de Axenda 2030 e Cooperación, ao que este ano se unirá tamén a inauguración da exposición Enredadas no cambio, realizada en colaboración coas entidades sociais Entreculturas e Taller de Solidariedad, e que poderá visitarse neste edificio ata o 22 de xaneiro.

Dous premios por edición: un galego e un internacional

Os Premios Consello Social UVigo Humana botaron a andar en 2019 como unha iniciativa coa que a institución académica viguesa busca recoñecer o labor desenvolvido por persoas físicas, institucións e organizacións non gobernamentais, tanto galegas como internacionais, que sobresaen pola súa traxectoria en calquera ámbito vencellado coa solidariedade e a cooperación. Dotados dun diploma acreditativo e un agasallo institucional, concédense dous premios por edición, un a nivel galego e outro internacional.

Galardóns que xa recibiron Os Ninguéns, Provivenda... 

Pola súa contribución a crear un mundo máis comprometido, solidario e xusto, a nivel galego, premiouse xa o labor do foro socioeducativo Os Ninguéns, a asociación Provivenda e a Coordinadora Galega para o Desenvolvemento e, a nivel internacional, recoñeceuse o traballo levado a cabo pola asociación Enxeñaría Sen Fronteiras, o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade e a Asociación Integral de Rescate de Emergencias, AIRE.

Nesta ocasión, a gala estará conducida polo vicerreitora de Benestar, Equidade e Diversidade, María Isabel Doval, e contará coa actuación musical da cantante e compositora galega Su Garrido.