DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O prazo de presentación de candidaturas está aberto ata o 29 de setembro

A UVigo destina 6000 euros a fomentar os estudos STEM entre as mulleres a través dos premios GirlGeekPower

Para alumnas matriculadas en graos ou mestrados de ciencias, ciencias da saúde ou enxeñarías

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • Pontevedra
  • Vigo
  • Estudantado
  • Igualdade
  • Premios
  • Estudantes
DUVI 26/07/2023

Tres anos despois do seu lanzamento, os premios GirlGeekCovid cambian de nome para adaptarse á realidade actual. A convocatoria nacía en plena pandemia, a fin de promocionar e incentivar os estudos STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas), entre as mozas, que están infrarrepresentadas na maioría de carreiras destes campos. Agora, a cuarta edición lánzase cunha nova denominación, os premios GirlGeekPower, aos que se poden presentar candidaturas ata o vindeiro 29 de setembro. 

A proposta está destinada ás alumnas da Universidade de Vigo que cursen titulacións STEM nos campus de Vigo e Pontevedra, xa que estes premios se convocan e financian ao abeiro da Cátedra Feminismos 4.0 que sosteñen a Deputación de Pontevedra e a Universidade de Vigo. A finalidade é “promocionar e incentivar os estudos STEM entre as mulleres, un campo onde hai unha infrarrepresentación feminina, pese á importancia estratéxica deste ámbito na nosa sociedade, o que pode redundar no incremento da fenda de xénero no futuro das novas xeracións. O premio valorará o mellor aproveitamento académico das candidatas, ademais da súa motivación explícita nos estudos STEM”. En total destínase a esta iniciativa da Unidade de Igualdade 6000 euros, que se repartirán en dous premios de 2000€, un para a rama das ciencias e as ciencias da saúde e outro no eido da enxeñaría, e dous accésits de 1000€ en cada un destes eidos.

Quen se pode presentar e ata cando?

Poden solicitar o premio as estudantes matriculadas na Universidade de Vigo no curso 2023/2024 en 60 créditos en titulacións de grao ou mestrado oficial das ramas de Enxeñaría e Arquitectura ou Ciencias e Ciencias da Saúde dos campus de Pontevedra e Vigo. Para formar parte da convocatoria deberán ter superados ata o curso 2022/2023 60 créditos da titulación na que están matriculadas, ter unha nota media do expediente ata o curso 2022/2023 igual ou superior a 7 nas titulacións da rama de Enxeñaría e Arquitectura; 8 nas titulacións da rama de Ciencias; e 8 nas titulacións da rama de Ciencias da Saúde e non ter non ter recibido este premio en ningunha das convocatorias anteriores para o mesmo ciclo.

O prazo para presentar candidaturas estará aberto ata o 29 de setembro, e as alumnas deberán, xunto co formulario e a certificación académica, presentar unha carta de motivación, na que amosen, por unha banda, as razóns que as levaron a optar por realizar estudos universitarios no ámbito das STEM e, por outra, onde reflexionen sobre a súa experiencia persoal como mulleres nun ámbito tradicionalmente masculinizado. 

A comisión de avaliación encargada de estudar as diferentes candidaturas estará composta por Águeda Gómez, directora da Unidade de Igualdade; Soledad Torres, profesora da UVigo; Lucía Muradas; xefa do Servizo de Igualdade da Deputación de Pontevedra e Ana Isabel Amoedo, traballadora social adscrita ao Servizo de Igualdade da Deputación de Pontevedra. A puntuación dependerá nun 80% da nota media do expediente en un 20% da carta de motivación.