DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Acadaron a 10ª posición no ranking xeral dunha competición na que participaron máis de 60 equipos

UVigo Motorsport conquista Silverstone

“Estamos non só orgullosos, senón eufóricos polos resultados”

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Estudantado
  • Estudantes
DUVI 27/07/2023

“Estamos non só orgullosos, senón eufóricos polos resultados”. Así de rotundos se amosan esta semana os responsables de UVigo Motorsport ao seu regreso de Silverstone, no Reino Unido, a primeira gran cita da escudaría universitaria para este verán.  Competían máis de 60 equipos de todo o mundo e o UM23 vigués fíxose cunha “incrible” 10ª posición no ranking xeral da competición, ademais de acadar o trofeo Best Newcomer 2023, que premia ao equipo cos mellores resultados de entre os que compiten por primeira vez na competición de coches autónomos FSUK AI. “Estes resultados están ao nivel das nosas mellores expectativas e non podemos senón consideralos un éxito rotundo e a mellor recompensa posible para todos tantos meses de esforzo e dedicación”, explica Óscar Hermida, responsable de Comunicación e Márketing de UVigo Motorsport, un proxecto que agrupa a 71 estudantes de diferentes titulacións da Universidade de Vigo.

Tiñan moitas expectativas postas nesta cita xa que ademais de participar na proba clásica do Formula Student UK, que nesta ocasión celebraba o seu 25 aniversario, por primeira vez a escudaría universitaria viguesa participou tamén no Formula Student UK AI para vehículos autónomos, unha proba no que o bólido vigués superou sen problema todas as inspeccións de seguridade e probas técnicas, o que lle permitiu participar en todas as probas dinámicas programadas  nesta categoría..

O UM23 superou sen problema todas as probas e inspeccións

No que respecta ao UM23 tamén se superaron con éxito todas as inspeccións técnicas e de seguridade, sen ningún tipo de incidencia destacable. Completáronse as tres probas técnicas esixidas aos vehículos de combustión, así como as relativas aos catro pilotos. “Fomos o 8º equipo en superar todas estas inspeccións, un tempo récord para nós, polo que puidemos dedicarlle máis tempo a axustar de forma máis precisa o resto das probas”, explican desde o equipo.

Superadas todas as probas e inspeccións só quedaba rodar e, neste aspecto, o equipo volveu bater récords, xa que ao longo da fin de semana o UM23 presentouse a todas as probas dinámicas, algo que só se lograra dúas veces na historia do equipo. Ao longo da mañá do sábado completáronse con éxito o Skidpad e o Acceleration, conseguindo un 6º e un 11º postos respectivamente, mentres que, xa pola tarde, conseguiuse puntuar na proba de Sprint, obtendo outro 6ª posto. Quedou para o domingo a proba máis esixente da Formula Student, a Endurance, “pero, desafortunadamente, un fallo nun sensor impediunos acabar a proba e, aínda que o solucionamos con facilidade, xa non houbo opción de volvelo tentar”.

Todos estes resultados, sumados ao 6ª posto no Engineering Design Report, ao 4º na Lap Time Simulation, e aos puntos obtidos no resto de probas estáticas fixo que o equipo alcanzase unha puntuación total de 344,4 puntos, a puntuación máis alta obtida polo equipo nunha competición e que se traduciron nesa 10ª posición no ranking xeral da competición.

Gañadores do trofeo Best Newcomer 2023

Como colofón final, na gala de despedida celebrada o domingo pola noite topáronse coa sorpresa de que eran os gañadores do trofeo Best Newcomer 2023 para os que participaban por primeira vez na competición de vehículos autónomos. “Todos quedamos moi sorprendidos cando no medio da cerimonia chamaron ao escenario ao coche número 14, UVigo Motorsport, como gañadores deste premio”, salienta Hermida.

A seguinte cita será en Montmeló do 6 ao 12 de agosto

A segunda cita da temporada, como vén sendo habitual, será en territorio nacional dentro da Formula Student Spain, do 6 ao 12 de agosto no evento máis grande deste tipo en España, o circuíto catalán de Montmeló, onde competirán con outros 89 equipos.