DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Coa presenza das vicerreitoras de Internacionalización e de Investigación e Transferencia

A UVigo participa na conferencia anual da European University Association que se centra na integridade en tempos de cambio

Esta entidade reúne 870 universidades e conferencias de reitores nacionais de 49 países

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Internacional
  • Investigación
  • Institucional
DUVI 11/04/2024

Dende onte e ata mañá venres a cidade galesa de Swansea acolle a conferencia anual da European University Association (EUA), un organismo que reúne 870 universidades e conferencias de reitores nacionais de 49 países europeos. Neste evento a Universidade de Vigo está representada polas vicerreitoras de Internacionalización, Maribel del Pozo, e de Investigación, Transferencia e Innovación, Belén Rubio.

A edición de 2024 da asemblea da EUA, Universidades en Europa: integridade en tempos de cambio, pon o foco na capacidade das institucións de educación superior para afrontar o cambio e dar forma á transformación social mentres se manteñen fieis ao seu carácter, valores e misións fundamentais, como destacan dende a organización. 

O tema de integridade estase a abordar dende unha ampla variedade de perspectivas, analizando a integridade no liderado universitario; na aprendizaxe e o ensino; na ética; na investigación e tamén na avaliación académica, para que esta sexa xusta e transparente.  A través de sesións de traballo e conferencias, as e os representantes das universidades socias están a debater e reflexionar sobre como as universidades, incluíndo tanto os equipos de goberno como as comunidades educativas, poden equilibrar eficazmente a integridade e o cambio en beneficio propio e da sociedade.

A European University Association (EUA)

A EUA, a través da interacción continua con outras organizacións europeas e internacionais, desenvolve un importante papel en todo o relacionado coas políticas da UE sobre educación superior, investigación e innovación e garante que se escoite a voz independente das universidades europeas. Na xuntanza deste 2024, entre outros aspectos, abordáronse plans de futuro, entre os que destacan, por exemplo, a elaboración dun programa piloto de desenvolvemento de liderado dirixido por la EUA para líderes universitarios actuais e futuros; a publicación dun informe de tendencias da EUA; o desenvolvemento dunha axenda de aprendizaxe e ensino da EUA; a formulación de principios da EUA sobre a liberdade académica; a implementación da Axenda de I+D da EUA e seguimento da Folla de Ruta do Pacto Verde; o desenvolvemento de actividades sobre intelixencia artificial e seguimento de traballos previos sobre dixitalización; ou o lanzamento dun novo sitio web da EUA.

Por outra banda, sobre o panorama político actual, que virá marcado polas próximas eleccións europeas e o nomeamento dunha nova Comisión, púxose o foco na necesidade de construír boas relacións de traballo coas institucións europeas unha vez se constitúan. Tamén se falou sobre a necesidade de desenvolver unha posición da EUA sobre a colaboración transnacional e a Iniciativa Universitaria Europea, así como sobre o seguimento e promoción de novos programas da UE (E+ e FP10), as achegas políticas ao ‘paquete’ de educación superior da UE e a promoción de cuestións relacionadas coa seguridade do coñecemento e o uso dual.