DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Trátase da iniciativa eurorrexional Risc_Plus

A UVigo participa nun proxecto para mellorar o afrontamento de eventos climáticos extremos na conca Miño-Limia

Coa Confederación Hidrográfica Miño-Sil, a Universidade de Porto e a Agência Portuguesa do Ambiente

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Cooperación
  • Internacional
  • Investigación
  • Medio Ambiente
  • Investigación
DUVI Ourense 30/11/2023

O Centro Cultural Marcos Valcárcel da Deputación de Ourense acolleu este xoves a xornada de lanzamento do proxecto Risc_Plus, de resiliencia fronte aos riscos de inundacións e secas derivados do impacto do cambio climático nas concas internacionais dos ríos Miño e Limia. Liderado pola Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, este proxecto Interreg POCTEP conta coa participación da Universidade de Vigo, a Facultade de Engenharia de Universidade de Porto e a Agência Portuguesa do Ambiente.

Na súa presentación participaron José Antonio Quiroga, presidente da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico); Inés Andrade, directora da ARH-Norte (Agência Portuguesa do Ambiente); Francisco Javier Rodríguez Rajo, vicerreitor do campus de Ourense, e Tiago Ferradosa, da Universidade do Porto. A iniciativa, tal e como se destacou no acto, dá continuidade ao proxecto tamén POCTEP chamado Risc Miño-Limia, concedido en 2017 e desenvolvido polos mesmos socios ata finais de 2021. A participación da UVigo corre a cargo do grupo Environmental Physics Laboratory (EphysLab-Centro de Investigación Mariña) e está en liña co proxecto de especialización do campus de Ourense Campus Auga.

Dando continuidade a un proxecto anterior

Risc_Plus ten financiamento do programa POCTEP, iniciativa de cooperación transfronteiriza dentro do Interreg VI España-Portugal, e fondos Feder. O seu principal obxectivo é preparar a conca do Miño-Lima fronte a eventos extremos derivados do cambio climático, mellorando a súa resiliencia a través da prevención, preparación e dixitalización e avanzando cara un plan hidrolóxico único para esta demarcación internacional conforme á directiva Marco da Auga. O proxecto focaliza os seus obxectivos en ampliar e mellorar os resultados do proxecto Risc Miño-Limia. Entre estes resultados, os seus promotores destacan o incremento de puntos de control das redes automáticas de información hidrolóxica e de calidade; novos índices de seca; un inventario de recursos hídricos e o impacto nos mesmos do cambio climático; un plan especial de seca conxunto; a mellora dos sistemas de axuda á decisión; o desenvolvemento dunha versión beta dun sistema de alerta temperá fronte a inundacións e a mellora do sistema de adquisición e tratamentos de datos, entre outros. A experiencia acumulada a partir destes resultados do Risc Miño-Limia, sinalan os seus responsables, “manifesta que un incremento do coñecemento da demarcación hidrográfica internacional actual a todos os niveis é fundamental e constitúe unha excelente base para a análise do impacto do cambio climático futuro na mesma”.

Os efectos do cambio climático, comentan desde o proxecto, son xeralizados e inclúen unha serie de cambios no ciclo hidrolóxico, concretamente en termos do incremento das precipitacións extremas tanto en frecuencia como en intensidade xunto a un aumento na duración, cunha repercusión importante sobre as persoas e os bens debido ás inundacións que provocan e a severidade das secas. “Por tanto, a capacidade de predicir con suficiente antelación estes eventos extremos é unha tarefa crucial que permitirá minimizar os seus efectos negativos futuros”, afirman. Neste contexto, detallan, nos últimos anos o desenvolvemento de ferramentas numéricas (no que EphysLab ten unha dilatada traxectoria), fortemente sustentado polo incremento da potencia computacional, facilitou a capacidade das simulacións numéricas para reproducir tales eventos con crecente detalle o que permite unha mellor comprensión do efecto do cambio climático relacionado coas inundacións/secas e contribúen, con información relevante, a mitigar os seus inconvenientes e coñecer o impacto socioeconómico asociado”.