DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Coa entrega da IV edición dos Premios Consello Social UVigo Humana

A UVigo premia o labor solidario da asociación galega Agareso e da iniciativa internacional I-M Defensoras

Durante a gala tamén se entregaron os galardóns aos mellores TFG e TFM en materia de Axenda 2030

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Cooperación
  • Premios
  • Reitor
  • Institucional
D. Besadío DUVI 21/12/2023

A Asociación Galega de Comunicación para o Cambio Social, Agareso, e a Iniciativa Mesoamericana de Mujeres Defensoras de Derechos Humanos, I-M Defensoras, son as dúas entidades gañadoras da IV edición dos Premios Consello Social UVigo Humana, galardóns que a institución académica viguesa puxo en marcha en 2019 co obxectivo de recoñecer o labor desenvolvido por persoas físicas, institucións e organizacións non gobernamentais, tanto galegas como internacionais, que sobresaen pola súa traxectoria en calquera ámbito vencellado coa solidariedade e a cooperación. 

As entidades gañadoras déronse a coñecer este xoves nunha gala celebrada no edificio Redeiras, presidida polo reitor, Manuel Reigosa, na que tamén se entregaron os premios aos mellores Traballos Fin de Grao e Fin de Mestrado en materia de Axenda 2030 e Cooperación e se inaugurou a exposición Enredadas no cambio, realizada en colaboración coas entidades sociais Entreculturas e Taller de Solidariedad, e que poderá visitarse neste edificio ata o 22 de xaneiro.

“Con estes premios queremos contribuír, desde a nosa pequenez, a conseguir un mundo mellor e facémolo recoñecendo o labor de persoas que levan anos deixándose a pel para que a sociedade sexa mellor”, subliñou Reigosa ao inicio dun acto que foi guiado pola vicerreitora de Benestar, Equidade e Diversidade, Maribel Doval, e ao que tamén asistiron o presidente do Consello Social, Ernesto Pedrosa, e a vicerreitora de Comunicación e Relacións Institucionais, Mónica Valderrama. “Os premios amosan a cara máis visible do movemento solidario no seu conxunto”, engadiu o responsable do Consello Social, quen se referiu ás entidades premiadas como “exemplos de valor, xenerosidade, sacrificio e altruísmo”.

Unha asociación galega que loita polo cambio social....

No caso da Asociación Galega de Comunicación para o Cambio Social, Agareso, o xurado valorou “o seu traballo no eido da comunicación para o cambio social, como ferramenta para promover sociedades pacíficas, inclusivas e máis xustas nun contexto global onde non deixan de aumentar a desinformación e os discursos de odio”, explicou a vicerreitora de Benestar, Equidade e Diversidade, quen tamén salientou que a comisión valorou moi positivamente a traxectoria desta organización sen ánimo de lucro formada en 2008 e que desenvolve diferentes eixes de actuación, desde a organización de proxectos de comunicación para o desenvolvemento en países do sur ata a posta en marcha de obradoiros en institutos de ensino secundario co obxectivo de educar en valores e incrementar o pensamento crítico do alumnado, pasando pola colaboración activa coas tres universidades galegas.

Encargouse de recoller o premio Lorena Seijo, coordinadora técnica de Agareso, quen, ademais de agradecer o recoñecemento resaltou a importancia de “traballar desde Galicia para o resto do mundo” e de implicar neste labor a todos os niveis educativos.

... e unha internacional de mulleres defensoras dos Dereitos Humanos 

O premio do ámbito internacional recaeu nesta ocasión na Iniciativa Mesoamericana de Mujeres Defensoras de Derechos Humanos, I-M Defensoras, unha entidade que loita “por facer máis visible o labor das Mulleres Defensoras de Dereitos en Mesoamérica, un dos lugares do mundo máis perigoso para o activismo a prol dos dereitos humanos”. Nesta liña, Maribel Doval explicou que a entidade leva traballando desde 2010 coa fin de dar resposta ao aumento da violencia en lugares como México, Guatemala, Honduras e no Salvador para o que conta cunha rede rexional de comunicación electrónica que vincula a defensoras dereitos humanos de 15 países.

Neste caso recolleu o agasallo José Luis Barreiro, representante da Coordinadora Galega de ONGD, entidade premiada no 2021 e colabores de IM-Defensoras. En nome da entidade premiada contouse coa participación en liña de Marusia López, co directora da iniciativa, quen recalcou que “sen estas mulleres valentes non habería esperanza de que un mundo mellor é posible”, pois elas, entre moitas outras tarefas, “son as encargadas de curar, coidar e facer florecer a vida en onde acostuma reinar a represión e o autoritarismo”.

18 premios para as alumnas e alumnos máis comprometidos

Ademais de para as entidades premiadas este xoves foi tamén un día moi especial para as 18 alumnas e alumnos que recibiron o recoñecemento da institución académica viguesa por dedicar os seus traballos Fin de Grao e Fin de Mestrado a temáticas relacionadas coa Axenda 2030 e a cooperación. Entregáronse cinco premios aos mellores TFG e tres aos mellores TFM, así como nove accésits.

Durante a entrega a vicerreitora foi lendo un a un o título de cada un dos traballos premiados e, entre as moitas temáticas tratadas, mencionou temas como unha análise do Concello de Ourense como destino turístico termal ambientalmente sostible; a aplicación de técnicas de aprendizaxe profunda ao desenvolvemento dun bot conversacional para contribuír á mellora da saúde mental ou un proxecto sobre o código non binario.

Exposición Enredadas no cambio ata o 22 de xaneiro

Coincidindo coa gala de entrega de premios inaugurouse a exposición Enredadas no cambio. Composta de 28 fotografías e oito paneis de texto en cartón-pluma, a mostra abre as portas á vida de sete mulleres emprendedoras referentes en Perú, Colombia, Nicaragua, Bolivia e España. A través das súas fotografías a persoa visitante pode coñecer os obstáculos e os retos cos que se atoparon e observar os pasos que deron para cambiar as súas historias e as das súas comunidades. Son, tal e como explicaron as entidades organizadoras, historias que cobran vida a través da mirada compartida das fotógrafas e fotógrafos locais que as acompañaron no seu día a día.

María Luisa Flores é unha das protagonistas da mostra e do podcast La panadera boliviana que alcanzó sus sueños, que se pode escoitar na escola en liña de Entreculturas e na web Taller de Solidariedad, “unha testemuña inspiradora para outras moitas mulleres que como ela deciden emprender e tomar as rendas das súas propias vidas”.