DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Na edición na que máis facultades e escolas contan cun posto na feira, un total de 20

A UVigo proxéctase ante o seu futuro alumnado en Edugal

Desenvólvese entre este mércores e venres no recinto feiral

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Estudantado
  • Feiras e exposicións
  • Institucional
DUVI Pontevedra 04/10/2023

Coa participación dunha vintena de facultades e escolas dos tres campus, a Universidade de Vigo dá a coñecer a amplitude da súa oferta académica na décimo segunda edición de Edugal, o Salón de Educación e Formación de Galicia, inaugurado este mércores no recinto feiral de Pontevedra. Promovido pola Asociación de Empresarios da Mediana e Pequena Empresa de Pontevedra (Aempe), co patrocinio, entre outros, do Consello Social da UVigo, trátase da edición na que máis centros da Universidade contan cun posto neste salón, que a organización prevé que reciba, entre este mércores e o venres, a visita de preto de 10.000 persoas.

Concretamente, no espazo destinado á UVigo contan cun espazo 20 centros dos tres campus, un máis que na anterior edición, e a estes postos súmase un stand de información xeral, no que as e os visitantes poden obter información tanto das diferentes titulacións de grao e posgrao, como da Escola Aberta de Formación Permanente (EAFP). Nese senso, a presenza da institución académica abrangue preto dun terzo dos 62 stands cos que conta o salón nesta edición, inaugurada este mediodía polo conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades da Xunta de Galicia, Román Rodríguez. “Todos os anos participamos en Edugal cunha representación importante de titulacións dos tres campus, xa que para nós non deixa de ser un escaparate ante o alumnado de bacharelato e ESO, que son os nosos potenciais clientes”, salientaba tras este acto a vicerreitora do campus, Eva María Lantarón. Nese senso, puña o foco na oportunidade que este tipo de eventos supoñen para que futuros e futuras universitarias poidan coñecer as posibilidades que achegan “titulacións que teñen unha alta empregabilidade, pero unha baixa demanda neste momento”, pondo como exemplo os graos de Enxeñaría Forestal e Enxeñaría dos Recursos Mineiros e Enerxéticos.

De brazos robot a unha instalación artística

Ademais de poder obter información e asesoramento do profesorado e alumnado das diferentes facultades e escolas, os diferentes centros da UVigo achegan tamén a Edugal diferentes mostras dos seus ámbitos de traballo. Ese é caso das aplicacións en enxeñaría biomédica duns lentes de realidade aumentada, a cámara termográfica ou os brazos robots da Escola de Enxeñería Industrial. Neste espazo pódese observar así mesmo o monopraza co que UVigo Motorsport competiu na Fórmula Student, mentres que o posto de Enxeñaría Informática permite coñecer o simulador empregado por esta escudaría. Unha mostra tanto de areas de praia como doutras recollidas a 4500 metros de profundidade poden ser observadas no espazo de Ciencias do Mar, mentres que un microscopio permite ver unha neurona no posto da Facultade de Bioloxía, que achega tamén unha exposición de insectos. Ao seu carón, Química presenta mostras dos elementos que conforman a táboa periódica, mentres que Ciencias permite observar tanto mostras de polen e de microogranismos como coñecer diferentes procesos de valorización dos subprodutos da industria agroalimentaria.

No caso de Belas Artes, boa parte do espazo está ocupado por non-stand, unha instalación realizada con material de refugallo e restos atopados nos almacéns do recito feiral por unha decena de estudantes, baixo a dirección do profesor Ignacio Pérez-Jofre. Unha maqueta do barco solar da asociación estudantil CES-UVigo e o traballo de UVigo SpaceLab poden coñecerse no stand da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, mentres que no espazo da EE de Minas e Enerxía poden verse un aeroxerador ou a maqueta dunha rotopala. Outros centros achegan tamén mostras de diferentes materiais empregados na actividade profesional, como Fisioterapia, Educación e Traballo Social ou a EE Forestal, mentres que facultades como Ciencias da Educación e do Deporte, Ciencias Xurídicas e do Traballo, Dirección e Xestión Pública, Ciencias Empresariais e Turismo, Historia e Ciencias Económicas e Empresariais presentan información e publicacións. Así mesmo, outros centros levarán a cabo tallees nos seus espazos, como os de subtitulado e videoxogos que promove a Facultade de Filoloxía e Tradución ou os que se levarán a cabo sobre manobras de reanimación e realización de vendaxes no espazo da Escola Universitaria de Enfermaría de Pontevedra.