DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Cristina Rodríguez, Saúl Bello e Iago Fernández acadaron os metais en loita

A UVigo repite como subcampioa no CEU de loita olímpica e acada unha prata e un bronce no CEU de atletismo 

Pola súa banda, Jacobo Soler e Xiana Lago foron os medallistas en atletismo

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Deportes
  • Deportes
DUVI 22/04/2024

Fin de semana de títulos e medallas para os equipos de loita olímpica e atletismo da UVigo nos Campionatos de España Universitarios. En Murcia, o equipo formado por Cristina Rodríguez, Saúl Bello, Iago Fernández, Gonzalo Caparrós e Manuel González, coa dirección técnica de Rubén Méndez, proclamouse subcampión de España Universitario de Loita Olímpica, nunha competición que gañou a Universidad de Murcia. Mentres, no CEU de atletismo, celebrado en Ciudad Real, Jacobo Soler acadou a medalla de prata en 400 metros lisos, mentres que a súa compañeira de equipo Xiana Lago obtivo un bronce en lanzamento de peso. 

Pola súa banda, o equipo de vela da UVigo, formado por Pedro Fernández, Rosalía García, Carolina Iglesias e Nuno Meijide, foi oitavo no CEU celebrado en Vilagarcía de Arousa, no se impuxo o equipo da USC. 

A UVigo reedita o título de subcampioa de loitas olímpicas

Unha vintena de universidades públicas e privadas de España participaron esta pasada fin de semana no pavillón municipal de Los Narejos en los Alcázares (Murcia) no Campionato de España Universitario de Loitas Olímpicas, organizado pola Universidad de Murcia. 

As medallas de ouro de Cristina Rodríguez (-78kg), de prata de Saúl Bello (-70kg) e de bronce de Iago Fernández (-130kg), aos que se engaden os quintos postos de Gonzalo Caparrós (-80kg) e de Manuel González (-62kg) permitiron ao equipo da UVigo revalidar o título de subcampión de España, que tamén acadara o ano pasado en Murcia.

Magníficos resultados no CEU de atletismo 

No Campionato de España Universitario de atletismo, celebrado esta fin de semana en Ciudad Real, organizado pola Universidad de Castilla La Mancha, Jacobo Soler subiuse novamente ao podio, por terceira vez consecutiva, desta volta cunha prata que sabe a ouro, nunha proba de altísimo nivel, na que o atleta da UVigo de 400 metros lisos fixo unha carreira na que foi de menos a máis. Jacobo obtivera no ano 2023 un bronce en León e outro bronce no ano 2022 en Murcia. Pola súa banda, Xiana Lago, unha nova promesa do lanzamento de peso galego, adestrada por Frank Casañas, obtivo un bronce nunha proba gañada pola próxima atleta olímpica, a galega, Belén Toimil. Ademais, Xiana, que ao longo da competición mantivo unha dura pugna coa atleta vasca Goizane García pola medalla de bronce, obtivo a súa mellor marca persoal cun lanzamento de 13,62. 

Ademais, Andrea Pais (200 metros lisos) e Raúl Cortizo (lonxitude) metéronse nas finais das súas especialidades e obtiveron respectivamente un sétimo e un sexto posto final. Fernando Vallines (peso) logrou tamén a súa mellor marca persoal cun 14,79 que non lle permitiu acceder á final. Gran papel de Iria Filgueira, Victoria Eiriz (as dúas en martelo), Andrea Pais (lonxitude) e Cristina Garrido (100 metros lisos). O equipo da UVigo completábase co vallista de 400 metros, Iago Núñez, que sufriu unha rotura muscular no seu xemelgo esquerdo.