DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O profesor de Dirección e Xestión Pública Celso Cancela é un dos integrantes do proxecto ENDE

A UVigo, representada nunha rede europea sobre os efectos da dixitalización nas políticas comunitarias

Reúne especialistas de doce países

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Internacional
  • Investigación
  • Investigación
DUVI Pontevedra 10/04/2024

Contribuír á transición dixital europea a través da investigación e do desenvolvemento de métodos de análise innovadores é o propósito da European Network on Digitalization and E-Governance (ENDE), unha rede integrada por especialistas de universidades e centros de investigación de doce países, entre os que se atopa o profesor da Facultade de Dirección e Xestión Pública Celso Cancela. Seleccionado nunha convocatoria comunitaria, ENDE é un proxecto coordinado pola Universidade Tecnolóxica de Tallin (TalTech), que promove a creación dunha gran rede temática que aborde o proceso de transformación dixital europea desde unha perspectiva interdisciplinar. 

Coincidindo coa recente entrada en vigor do regulamento europeo de servizos dixitais (DSA), que se suma á lei de mercados dixitais (DMA), esta rede busca afondar nas transformacións que a dixitalización supón na prestación de servizos públicos e no desenvolvemento da chamada “gobernanza electrónica”, pero tamén nas súas implicacións en materia de mercados e competitividade ou na protección dos dereitos fundamentais. “Fálase de transformación dixital, porque non se trata só de dixitalizar, implica tamén cambiar as formas de facer e concibir as cousas”, explica Cancela. Nese senso, un dos obxectivos dunha rede que estenderá a súa actividade ata 2026 é o desenvolvemento dunha metodoloxía de medición do impacto da transformación dixital, así como tratar de incrementar a participación dixital da cidadanía. Coordinada polo investigador de TalTech Ramiro Troitiño, entre as iniciativas proxectadas por esta rede figura tamén contribuír “aos debates sobre os espazos públicos de datos e as novas tecnoloxías como a intelixencia artificial”, que, como sinalan, “afectan a todos os ámbitos da sociedade”. 

Múltiples enfoques e disciplinas

Con Vigo e Valladolid como únicas universidades españolas, ENDE está integrada por 15 investigadores e investigadoras de doce países. En todos os casos, trátase de responsables dunha cátedra Jean Monnet, como Cancela, ou dun centro de excelencia vinculado a aspectos dixitais. “No meu caso, é sumar”, recoñece o profesor a Área de Ciencia Política e da Administración da UVigo, ao que a Comisión Europea concedida en 2022 a cátedra European Institutions and Citizens: Adapting the EU to the digitalization challenges (EICAUED), que ten precisamente o seu eixe central no estudo dos efectos da dixitalización sobre as políticas públicas e sobre a propia soberanía das institucións europeas. 

Neste punto, Cancela destaca o interesante dunha iniciativa que lle permite “entrar en contacto con outras perspectivas” coas que afondar nos múltiples efectos desta transformación dixital, tanto no referido á prestación de servizos públicos e ás relacións entre cidadanía e administracións, como para a economía, a comunicación, a seguridade ou mesmo a soberanía dos estados. De feito, ENDE reúne tanto expertos e expertas que poñen o foco nos aspectos institucionais ou xurídicos, como aqueles que indicen en cuestións éticas ou na “parte mercantil e de comercio”, como apunta Cancela, que destaca a importancia de contar tamén con especialistas que acheguen unha “panorámica máis global do impacto que pode ter a dixitalización”. No seu caso, o investigador do Observatorio da Gobernanza G3 porá o foco na “parte institucional” e nos aspectos máis relativos ao debate político suscitado polas diferentes iniciativas impulsadas pola Comisión Europea ou o Parlamento. A idea, explica, é analizar “as posicións que adoptaron os distintos grupos políticos, a confrontación de intereses que hai en xogo” e que poden estar ligados tanto a grupos políticos como a intereses estatais, “porque dentro disto de dixitalizar, uns países estanse xogando máis que outros”, polo peso das súas empresas neste sector ou polo propio grao de desenvolvemento da súa administración electrónica. Este feito, sumado á “dependencia tecnolóxica” da Unión Europea respecto de empresas estadounidenses ou asiáticas outorgan ademais a este proceso unha “dimensión de xeopolítica”, como recoñece este investigador, tendo en conta ademais, lembra, que neste eido “a Unión Europea aspira a ter un modelo propio”. Particularmente, engade, a UE “cando menos no discurso formal, está moi preocupada co tratamento e co uso dos datos e con que estes non poidan ser transferidos a outras partes do mundo”.

Cancela, así mesmo, é o responsable do paquete de traballo de comunicación deste proxecto, no que se insire a posta en marcha da web e a creación de diferentes materiais. Así mesmo, a UVigo exercerá en 2025 como sede da reunión anual de ENDE.