DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Seis entidades foron seleccionadas na convocatoria 2023/2024

A UVigo subvenciona o asociacionismo entre o alumnado con 6000 euros

Entre elas, UVigo SpaceLab, UVigo Motorsport e Clean Energy Ship UVigo

Etiquetas
  • Estudantes
  • Ourense
  • Pontevedra
  • Vigo
  • Asociacións de Estudantes
  • Estudantado
  • Estudantes
DUVI 11/01/2024

Seis colectivos da estudantes da Universidade de Vigo foron as seleccionadas na convocatoria 2023/2024 de axudas ao asociacionismo que impulsa a institución académica. A finalidade desta iniciativa é establecer un programa que subvencione total ou parcialmente o custo ocasionado ao estudantado por razón da súa participación en actividades de interese educativo que favorezan a súa formación integral. Deste xeito trátase de dar soporte á organización de actividades e de estimular a participación estudantil na dinamización sociocultural, polo que as axudas están destinadas a cubrir, de xeito total ou parcial, os custos derivados da participación (congresos, competicións, foros, debates, encontros...) ou organización de actividades (produción e edición do material,) que sexan de interese para a asociación ou para a comunidade universitaria de acordo aos fins propios da asociación. 

Na convocatoria correspondente a este curso académico as entidades seleccionadas son a UVigo SpaceLab, o Coro Sénior Campus Vigo, UVigo Motorsport, Clean Energy Ship UVigo, a Asociación de alumnos e exalumnos sénior da Universidade de Vigo-campus Pontevedra (Asaexs) e a Aula de Formación Aberta. Cada una delas recibirá unha achega de 1000 euros que deben destinarse a cubrir, de xeito total ou parcial, custos derivados da participación ou organización da actividade (desprazamento, inscrición e produción ou edición do material relacionado co a actividade).