DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No tradicional concerto que se celebra no Centro Cultural Novacaixagalicia

Uxía dará a benvida ao Nadal na Universidade o 13 de decembro

Presentará 'Meu Canto', un traballo co que celebra os seus 25 anos na música

Etiquetas
  • Vigo
  • Cultura
M. Del Río DUVI 22/11/2011

A música tradicional de Uxía será o agasallo de Nadal elixido este ano pola Universidade para a cidade de Vigo. O tradicional concerto que inaugura este período festivo celebrarase este ano o 13 de decembro no Centro Cultural Novacaixagalicia cun marcado acento lusófono. A cantante galega subirá ao escenario acompañada dun escollido grupo de amigos para presentar o seu novo traballo, Meu Canto, co que celebra os seus 25 anos no mundo da música. Nesta ocasión especial, Uxía reencóntrase tamén coa seu público, cunha cidade á que estivo fondamente vinculada, e cunha Universidade na que cursou os seus estudos de Filoloxía.

O vicerreitor de Extensión Universitaria, Xosé Henrique Costas, destaca que a elección de Uxía é “unha aposta fresca e internacional”, xa que por primeira vez o Concerto de Nadal amplía as súas fronteiras a linguas e ritmos de fóra da Península Ibérica. Para iso, contará coa compaña da artista angolana Aline Frazâo, a brasileira Ceumar, o gaiteiro moañés Xosé Manuel Budiño e o innovador do folk, Eliseo Parra, todos eles da man do actor Carlos Blanco, que exercerá de mestre de cerimonias. Para o vicerreitor, que compartiu formación universitaria no campus vigués coa propia Uxía, é unha das voces máis representativas da música galega, “unha voz doce pero desgarrada” que representa como poucas as últimas décadas do panorama tradicional do país.

O seu canto de 25 anos

Neste 2011 que pouco máis dun mes despediremos, Uxía presentou o seu último traballo, Meu Canto, no que a intérprete segue a estela dunha cultura que viaxa e que, desta volta, a leva a Brasil, onde foi gravado este disco, nos estudos da editora Biscoito Fino, en Rio de Janeiro. Meu Canto é unha relectura dos temas fundamentais do repertorio en directo de Uxía xunto con outros inéditos ata o momento. Unha proposta limpa e clara onde a gran protagonista é a súa voz como instrumento principal para poñer de relevo a importancia das cancións para a valorización da cultura dun pobo. De feito, o disco supón unha reflexión sobre o propio canto, sobre a acción de cantar pero tamén sobre os seus efectos, as emocións que provoca no público, a súa esencia final.

Para este disco, Uxía contou coa produción do prestixioso músico Jaime Alem, produtor de Maria Bethânia, o talento e a complicidade do virtuoso instrumentista Sérgio Tannus, e a voz de Lenine en Os Teus Ollos. Entre outras pezas inclúe Verdegaio, A Rianxeira, Rosa Namorada, O cuco a cantar ou o Alalá das mariñas xunto con outras marcadamente lusófonas como Menino do bairro negro ou Minha missão.

A cita será o 13 de decembro no Centro Cultural Novacaixagalicia ás 20.30 horas. As invitacións poderán recollerse na Vicerreitoría de Extensión Universitaria a partir do 5 de decembro para a comunidade universitaria e a partir do 9 para o público en xeral.