DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Ela cun vídeo sobre ´fake news’ e el cunha peza sobre temas legais relacionados con Youtube

Uxía Seijas e Daniel Armada fanse cos premios da segunda edición do Concurso Youtubers Científicos

Recibiron cadanseu galardón valorado en 300 euros

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Divulgación
  • Premios
  • Reitor
  • Institucional
DUVI 13/07/2023

Os estudantes Daniel Armada, da Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo, e Uxía Seijas, da de Comunicación, son os dous gañadores da segunda edición do Concurso Youtubers Científicos, convocado pola Unidade de Cultura Científica no marco do Plan anual de actividades Ciencia de Ida e Volta, que conta coa colaboración da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT). Este xoves estaba previsto que os recibise o reitor, Manuel Reigosa, pero motivos de última hora impediron que Armada puidese acudir, polo que, finalmente, foi só Seijas a que tivo a oportunidade de recoller persoalmente o seu galardón, valorado en 300 euros.

Estudante do Programa de Doutoramento de Ordenación Xurídica do Mercado, Daniel Armada, que se fixo co premio do público, conta de xeito lúdico e en menos de dous minutos diferentes aspectos legais relacionados coa actividade dos creadores de contidos para Youtube. Por outra banda, o vídeo de Uxía Seijas, bolseira de colaboración no Departamento de Comunicación Audiovisual e Publicidade, céntrase nun tema tan actual como as ‘fake news’ e a posverdade, “grandes inimigos silenciosos que ameazan o noso coñecemento”, tal e como ela mesma recoñece nunha pequena peza audiovisual na que a narración vai acompañada de diferentes imaxes ilustrativas.

Divulgar na UVigo ten premio

Con este certame a UVigo busca promover o desenvolvemento de habilidades de comunicación e difusión do coñecemento do seu persoal investigador. A primeira parte da actividade consistiu nunha formación, impartida pola divulgadora científica Tamara Pazos, sobre a creación de vídeos divulgativos e, unha vez finalizado o curso, abriuse o período de presentación de vídeos para o concurso. 

Ao igual que na edición anterior, ademais das votacións do público contouse cun  xurado conformado por especialistas en comunicación e ciencia, entre eles, a directora técnica da Casa das Ciencias dos Museos Científicos Coruñeses, Bibiana García Visos e o divulgador científico, director de Efervesciencia na Radio Galega e presidente da Asociación Galega de Comunicación Científica-Divulgacción, Manuel Vicente. Dentro das valoracións realizadas sobre os vídeos premiados destacaron o esforzo por sintetizar e estruturar temas complexos para achegalos ao público xeral, algo para o que se botou man, ademais da propia narración, de imaxes ilustrativas e diferentes creatividades, así como da expresividade corporal e da dosificación da información.