DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Dario Villanueva impartiu a conferencia inaugural

O V Congreso de Literatura Comparada comeza coas interpretacións de Macbeth ao longo da historia

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
Romina Vázquez DUVI 05/11/2007

A Facultade de Filoloxía e Tradución atópase estes días inmersa nunha intensa actividade coa celebración do V Congreso Internacional de Literatura Comparada, que durante catro días tratará temas como as versións cinematográficas de textos escénicos, a relación entre o teatro norteamericano e o cine, as novas tendencias na tradución cinematógrafica ou a intermediación e a música.
Nas vindeiras semanas tamén terá lugar o XII Congreso da Asociación Española de Semiótica, cuxo presidente Antonio Sánchez Trigueros, xunto con Carme Becerra, organizadora de evento e Manuel Reigosa, vicerreitor de Investigación, foron os encargado de dar por inaugurada “esta reunión bianual de investigadores brillantes na materia”, tal como os definiu a profesora Becerra. Para ela foron todos os agradecementos dos seus compañeiros de mesa, quenes a definiron como “unha persoa tenaz e traballadora que fai posible que este tipo de actos se celebren con asiduidade”, eloxiaron ademais os seus esforzos por manter viva unha das poucas revistas que a nivel estatal están dedicadas á materia a debate este congreso.

Relatorio inaugural

Darío Villanueva, ex-reitor da Universidade de Santiago de Compostela e catedrático de Teoría da Literatura e Literatura Comparada, impartiu a conferencia inaugural deste ciclo baixo o título “O postpocresado da literatura: Os Macbeth de Bloom e de Polanski” na que fixo unha análise polas interpretacións que ó longo da historia se realizaron da traxedia de Shakespeare. Durante a presentación do relatorio, Dolores Troncoso, profesora da Facultade de Filoloxía e Tradución, felicitou ó ex-reitor polo seu recente nomeamento como membro da Real Academia Española.

Congreso de alto nivel

Gonzalo Suárez, Mario Camos, José Luis Cuerda ou Saramago son algúns dos persoeiros que participaron en edicións previas deste Congreso de Literatura Comparada, o que nos fai comprender a súa importancia a nivel internacional. Nesta ocasión o valor engadido será a presenza de Miguel Anxo Prado, director do filme “De Profundis”, producido por Continental. Deste xeito daráselle cabido ao debuxo animado dentro dos temas a tratar nesta serie de conferencias, nas que o peche correrá a cargo do presidente da Asociación Internacional de Semiótica, o profesor Eero Tarasti.