DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Universidade presentou o primeiro curso de posgrao orientado a formar desempregados

Varios titulados regresan ao Campus para converterse en especialistas en Dependencia

As clases teóricas impartiranse na Facultade de Ciencias da Educación a partir desta semana

Etiquetas
  • Ourense
  • Institucional
M.Boullosa DUVI 26/09/2007

A primeira acción formativa e presencial que se fai en Galicia dende unha Universidade para formar especialistas. Deste xeito presentaron onte, no Salón de Graos do Edificio de Ferro, ao “Curso de Especialista Universitario en Intervención e Atención a Persoas con Dependencia”.
Unha titulación que comezará o vindeiro 28 de setembro tras o traballo conxunto de organización entre a Universidade de Vigo e a Xunta de Galicia, concretamente a través das Consellerías responsables de Atención á Dependencia, a Consellería de Traballo como encargada das accións de Formación e Colocación e a Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar.
Dirixido polos profesores, Miguel Ángel Vázquez e J.María Faílde, e coordinado por Rosa Mínguez, o curso impartirá a 30 persoas un conxunto de materias planificadas co obxectivo de paliar a escaseza de programas docentes específicos e complementar a formación na área de Atención á Dependencia, especialmente daqueles titulados que se atopan no paro. Así o sinalou o vicerreitor de Innovación e Formación Educativa, Pedro Membiela, quen destacou “o interese que supón para a Universidade empezar a participar nas actividades de formación de desempregados”. Un aspecto positivo que tamén resaltou o decano da Facultade de Ciencias da Educación, X.Manuel Cid, xa que varios ex alumnos regresarán aos seu centro para “formarse sobre unha materia de gran preocupación en España, e máis en Galicia, onde existe un elevado porcentaxe de xente maior e dependente”.

Curso

Enmarcado no programa de accións complementarias e experimentais financiadas polo Fondo Social Europeo, os participantes cursarán un total de 22 créditos teóricos na Facultade de Ciencias da Educación, 6 créditos prácticos en centros sociosanitarios, e unha tese final onde resumirán o que foron aprendendo ao longo do curso. “O 30 de novembro xa terán nas súas mans o título que lles habilita para mellorar a calidade de vida das persoas con dependencia”, apuntou o profesor Vázquez, ao que engadiu: “É unha acción que terá repercusión inmediata no mercado laboral”.
En canto ao acceso, pese a que a maioría das prazas están cubertas, inda existen posibilidades de formalizar a matrícula. “Manterémola aberta ata o vindeiro 27 de setembro”, afirmou Faílde.

Datos

Segundo o libro Branco da Dependencia, baseado na Enquisa de Discapacidades e Estado da saúde do INE, en Galicia un total de 192.779 persoas maiores de 6 anos teñen dificultades de diverso grado para realizar algunha das actividades da vida diaria, e 138.308 teñen dificultade severa ou lles resulta imposible desempeñar algunha desas actividades.
Entre elas, a franxa de idade máis afectada concéntrase nos maiores de 65 anos, que conforman o 68,8% do total.
Por último, dentro do ámbito territorial, a estatística sinala que a nosa comunidade mantén taxas máis altas que o prometio estatal; concretamente, 75 habitantes por cada mil en vez dos 62 de media no resto de España.