DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Vicerreitoría convoca un concurso de carteis centrado no proxecto de especialización

Como ve o estudantado o Campus Crea?

Seleccionaranse seis traballos, que se exhibirán na marquesiña recentemente instalada

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Arte
  • Cultura
  • Estudantado
  • Estudantes
DUVI Pontevedra 21/05/2021

Crear un cartel “a partir do que observas, sentes ou che inspira o Campus Crea”. Esta é a proposta que a Vicerreitoría traslada ao estudantado da Universidade de Vigo nun concurso que fará uso do soporte publicitario co que conta a marquesiña recentemente instalada no campus para amosar as visións do alumnado sobre o proxecto de especialización. Aberto a traballos de diferentes disciplinas, como o deseño gráfico, a ilustración e a fotografía, neste certame seleccionaranse seis traballos, que se exhibirán neste espazo ao longo do vindeiro curso. O prazo de presentación adas propostas, que deberán ser orixinais e inéditos, permanecerá aberto ata o 30 de outubro.

“Pola súa localización, no centro do campus, pensamos que é un Mupi capaz de transmitir moita información”, salienta o vicerreitor do campus, Jorge Soto, do soporte para carteis co que conta este equipamento. Coa idea aproveitar “esta ventá, como un espazo no que os propios estudantes poidan compartir a súa produción cultural, imaxinativa e creativa con todo o campus”, salienta Soto, naceu a primeira edición deste concurso, que busca coñecer e proxectar “a visión que ten o alumnado sobre o propio campus”. 

Aberto ata o 30 de outubro

Segundo recolle a súa convocatoria, o Concurso de elaboración dun cartel para a mellora da imaxe do Campus Crea “nace coa finalidade de recoñecer e estimular accións relevantes neste eido, que contribúan á súa promoción” e está aberto á participación, de xeito individual, do alumnado de calquera grao ou mestrado da Universidade de Vigo, tanto aqueles e aquelas matriculados no presente curso como os que se incorporen no 2021-2022. Cada participante poderá presentar un máximo de dúas propostas, que deberán ser composicións de 117 por 174 centímetros con orientación vertical. 

De entre todos os traballos presentados, o xurado, tendo en conta a súa “calidade, creatividade e orixinalidade”, seleccionará un total de seis carteis, que se exhibirán cada un deles durante dous meses no soporte publicitario da marquesiña. Segundo recolle a convocatoria, o galardón consistirá na impresión dos carteis gañadores, así como na entrega dun documento acreditativo.