DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Na celebración do Día das Letras Galegas

O Vento Lois sopla nas aulas da Universidade

A comunidade universitaria rende homenaxe ao poeta Lois Pereiro e presenta unha monografía sobre a s

Etiquetas
  • Vigo
  • Cultura
D. Besadío DUVI 12/05/2011
Cunha homenaxe “sinxela, emotiva e preciosa”, así, en verbas do vicerreitor de Extensión Universitaria, Xosé Henrique Costas, lle rendeu homenaxe a Universidade á figura do poeta Lois Pereiro, a quen este ano se lle dedica o Día das Letras Galegas. A lembranza da súa figura, a lectura dos seus versos e un pequeno concerto no que soaron “as cancións que el escoitaba” deron forma a un acto no que se lembrou ao “poeta urbano, complexo e intenso”, “un punky na corte do rei Arturo”, como apuntou o profesor Manuel Forcadela, poeta coma Pereiro e compañeiro de xeración.

Organizado por GAELT, Grupo de Análise e Estudo da Literatura e da Tradutoloxía, equipo de investigación de referencia da Universidade, o encontro serviu tamén para facer unha primeira presentación dun monográfico sobre a figura de Lois Pereiro, coordinado polos profesores Anxo Angueira e Teresa Bermúdez e que en breve sairá á luz da man de Edicións Xerais de Galicia.

Que lle podo ofrecer a quen me intente?

“É o primeiro traballo do grupo GAELT, recentemente creado no Departamento de Filoloxía Galega e Latina”, explicou a profesora Teresa Bermúdez, que foi a encargada de achegar aos asistentes os contidos de Que lle podo ofrecer a quen me intente?, título baixo o que se edita o monográfico, “unha elección rica que posibilita varias lecturas”, apuntou a coordinadora, que fixo fincapé en que “tenta reflectir o espírito da poesía de Pereiro”.
O lector atopará neste traballo xestado na facultade viguesa varias semblanzas do autor feitas por persoas moi próximas á súa figura, “xente que compartiu con el vivencias e proxectos”, explicaron os coordinadores, así como un apartado de análise con estudos nos que se abordan distintos aspectos da súa obra. “Ademais, incluímos a primeira transcrición que se fai do último recital que fixo Lois Pereiro na Coruña no 1996”, sinalou Bermúdez, ao que engadiu que “como non ía ser menos nun centro no que se forman tantos tradutores”, se incluíu un apartado de Tradución, no que a poesía de Pereiro se poderá ler en catalán, éuscaro, alemán, francés ou inglés, entre outros idiomas e, para rematar, a creación de catro poetas contemporáneos que homenaxean a súa figura.

Unha celebración que reflicte a “vontade de cambio” da academia

“Pereiro quebra os valores cos que tradicionalmente se celebraba o Día das Letras Galegas”, subliñou no seu recordo ao poeta Manuel Forcadela, quen argumentou esta afirmación no “escaso” da súa obra, “seis libros dos que en vida só publicou dous”; pola súa estética “nada acorde coa dos membros da academia”, e tampouco desde o punto de vista ético e político, “xa que falamos dunha persoa que si tiña algún ideario era o anarquismo”, engadiu.
“A aposta que se fai este ano é a de quebrar con todo o anterior e celebrar o heterodoxo”, subliñou o profesor vigués, que defendeu a forte vontade de cambio que se está a vivir na Real Academia Galega, “presidida por unha idea de chegar a un público distinto, non ao lector ilustrado, senón a un público moito máis amplo e afastado do que ata agora foron lugares comúns”.
A actuación de Leo i Arremecaghoná e un recital de poesía orixinal e traducida puxeron fin ao acto de homenaxe “ao poeta ausente, nocturno e sombrío”.