DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nun acto organizado pola Área de Normalización Lingüística

Versos de area e música despiden o ano de Xela Arias na Facultade de Filoloxía e Tradución

Da man do artista Marcos Escudero e a chelista Margarida Mariño

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Arte
  • Cultura
  • Lingua Galega
  • Música
DUVI 09/11/2021

A poesía de Xela Arias converteuse este martes na Facultade de Filoloxía e Tradución nun espectáculo multidisciplinar no que a area e a música, da man, serviron para plasmar en imaxes os versos da escritora homenaxeada neste 2021 nas Letras Galegas. O acto, organizado pola Área de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo, foi o peche oficial de todo un ano de eventos e propostas que a Facultade de Filoloxía e Tradución lle dedicou á que fora a súa alumna entre 1991 e 1994.

O espectáculo De certo, a vida ía en serio, mesturou os debuxos en area de Marcos Escudero e a actuación da chelista Margarida Mariño para converter en arte animado algúns dos poemas de Xela Arias, como Achégate a min, Vide, A Desorde, textos do poemario Darío a diario ou Oh, a botella. Como explica Marcos Escudero, esta proposta artística pretende achegar a obra de Arias a todos os públicos, incluíndo tamén aos nenos e nenas, motivo polo que inclúen unha animación do conto O avó Manuel pelexou cos lobos, que forma parte do libro Non te amola! Así, o público presente no salón de actos da facultade puido ver, proxectado nunha pantalla, como o artista daba vida aos versos debuxando cos seus dedos na area, mentres unha voz en off lía os poemas ao son das pezas interpretadas ao chelo.

O ano de Xela Arias na UVigo

Este 2021 a Universidade de Vigo uniuse con especial agarimo á celebración dunhas Letras Galegas dedicadas a unha ex-alumna e compañeira de clase de algunhas docentes do Departamento de Filoloxía Galega e Latina. Poeta, tradutora, editora, narradora e profesora; feminista, reivindicativa e transgresora... Xela Arias foi unha “poeta sen xeración” que destacou pola súa “valentía”, como a definiu a súa amiga e profesora da Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense Ana Iglesias nun artigo para o Duvi. Para renderlle homenaxe, os tres campus da Universidade acolleron ao longo de todo o 2021 multitude de actos e propostas tanto académicas como culturais, dende o acto institucional das Letras Galegas, celebrado no campus de Ourense, ata conferencias, concertos, certames ou presentacións de libros e revistas. Tamén o alumnado se uniu á conmemoración, por exemplo cunha mostra de traballos elaborados por estudantes de Educación e Traballo Social ou o documental Xela Arias. Poeta nas marxes, que constitúe o traballo fin de grao de Beatriz Pereira, estudante de Comunicación Audiovisual, que percorreu 30 localidades da man da Secretaría Xeral de Política Lingüística.

Outro dos eixos centrais desta celebración foi a exposición A poesía do retrato, unha mostra que recolle unha serie de poemas de Xela Arias xunto aos retratos realizados polo fotógrafo Xulio Gil nas décadas de 1980 e 1990 mentres eran parella. Tras percorrer os tres campus da Universidade, está de regreso en Vigo e pode visitarse no exterior da Facultade de Filoloxía e Tradución.