DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Monicreques, danza e musicais na Mostra de Teatro Infantil de Ourense

A VI edición da MOTI reforza o seu investimento nos espectadores do futuro cunha vintena de espectáculos

Do 25 ao 30 de decembro en diferentes escenarios da capital ourensá

Etiquetas
  • Ourense
  • Cultura
Raquel Feijóo DUVI 15/12/2009
A MOTI -Mostra de Teatro Infantil de Ourense- chega este ano a súa sexta edición cargada de bos espectáculos para os máis pequenos. As funcións desenvolveranse os días 25 a 30 de decembro en distintos espazos da cidade como son a rúa do Paseo, o Teatro Principal, o Auditorio e o campus universitario a cargo de compañíasque veñen de todos os recunchos de Galicia, doutras comunidades autónomas como Castela-A Mancha, Andalucía e Murcia e tamén do exterior, como é o caso da francesa Le Lutin Théâtre D´images. O director da mostra, Fernando Dacosta, subliñou no acto de presentación da actividade o feito de tratarse de espectáculos “con aforos reducidos” para que os máis pequenos poidan alimentar a observación, a escoita e a curiosidade polo mundo teatral. E asegurou tamén que o campus de Ourense “é o único da Península que aposta polo teatro infantil” con producións desenvolvidas na Aula de Teatro do Grupo Gepetto, un espazo destinado a todas aquelas persoas que queiran facer teatro para nenos. A Aula Universitaria Gepetto amosará o traballo desenvolvido durante este primeiro cuadrimestre do curso na MOTI co espectáculo Os nenos do túnel, unha peza de teatro de actor que se representará o 28 de decembro no Auditorio.
A VI MOTI foi presentada este martes no transcurso dun acto ao que asistiron Juan Francisco Gálvez, vicerreitor do campus, Isabel Pérez, concelleira de Cultura do Concello de Ourense, Olga Mojón, xerente do Teatro Principal e Fernando Dacosta, director da iniciativa.

... Corre, corre, que chega a MOTI!

A MOTI arrancará o día 25 de decembro, ás sete e media da tarde, na rúa do Paseo co espectáculo ... Corre, corre, que chega a MOTI!, a cargo da compañía galega Trécola Teatro. Será o punto de partida de seis días que xirarán ao redor do teatro infantil. Haberá teatro de actor e marionetas co grupo galego Os Monicreques de Kukas e os seus Contos do vento acatarrado (o día 26 no Teatro Principal). Tamén teatro visual e de obxectos coa compañía de Murcia Onírica Mecánica e o seu espectáculo A intrépida viaxe dun home e un peixe (o 26 no Auditorio) e funcións feitas en co-producción, como é o caso da obra O deserto de Rub Al-Khali, unha función de narración e música da compañía Dvá posta en marcha coa colaboración de Galicia e Bielorrusia ( o 26 de decembro no edificio de Ferro do campus) e tamén a obra Concerto Desconcerto, unha peza de danza-teatro da compañía Entremáns que foi posible grazas á colaboración de Galicia e Cuba e que se representará o 30 no Teatro Principal.
Outras comunidades autónomas van ter tamén presenza na MOTI. Dende Andalucía chegará a compañía Da Te Danza co seu espectáculo de danza contemporánea Sueña (o 27 de decembro no Edificio de Ferro do campus). Tamén dende Andalucía virá o grupo La Rous, unha compañía que porá en escena unha peza de teatro de actriz e obxectos chamada A casa do Avó. Será o 29 de decembro no Auditorio. Dende Castela-A Mancha o grupo La Tirita de Teatro presentará a súa obra O Romeo e a Xulieta, unha función de monicreques, máscaras e actores que terá lugar o 28 de decembro no Teatro Principal. Tamén cabe subliñar a presenza na MOTI da compañía francesa Le Lutin Théâtre D´images, que representará un espectáculo de teatro de obxecto chamado Poisson Pecheur (Peixe Pescador) o día 30 no Auditorio.

Un proxecto común das institucións para investir nos espectadores do futuro

Na súa intervención na presentación da mostra, Juan Francisco Gálvez cualificou a MOTI como “a nosa nena mimada” e agradeceu á compañía teatral Sarabela, impulsora e organizadora do evento, “a súa implicación coa cultura, o teatro e o campus de Ourense”. Olga Mojón, pola súa banda, subliñou da iniciativa o feito de ser “un proxecto común de todas as institucións da cidade” e tamén a importancia de facer proxectos dedicados aos nenos “porque farán que de adultos asistan a outros eventos culturais”. Unha liña argumental defendida tamén por Isabel Pérez. Nas súas palabras, “a inversión en actividades para os máis pequenos é dobre porque estamos investindo nos espectadores do futuro” e subliñou da MOTI “o feito de ser xa un referente na programación do Nadal que posibilita o intercambio entre as distintas xeracións”. Fernando Dacosta, pola súa banda, falou das bondades do teatro “que fomenta a observación, a escoita, a curiosidade, o diálogo, que esperta estímulos e que fomenta o espírito crítico”. Unhas calidades positivas tanto para o público adulto como para os máis pequenos que disporán dun espazo no que deixar voar o seu maxín.