DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Oficina de Medio Ambiente edita o libro 'As árbores do campus de Ourense'

Unha viaxe en papel pola riqueza botánica do campus e do planeta

A obra recolle información de case 80 especies presentes neste espazo verde da cidade

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Rosa Tedín DUVI 27/05/2011
Os xardíns do campus de Ourense son un pulmón verde no centro da cidade das Burgas e un espazo de ocio para a comunidade universitaria e os cidadán en xeral. Pero ademais destes dous valores ten un terceiro, a súa riqueza botánica. Nos seus terreos mestúranse árbores centenarias, herdadas de cando o lugar albergaba o antigo hospital, con novas incorporacións. Xuntas constitúen un mosaico de especies con orixes que nos trasladan desde o Himalaia e o Líbano ata Norteamérica e Tasmania. Unha diversidade que a Oficina de Medio Ambiente da Universidade de Vigo vén de plasmar na publicación As árbores do campus de Ourense.

O libro recolle unha ficha pormenorizada de cada unha das 78 principais especies arbóreas que están plantadas nos xardíns do campus de Ourense. Ademais de fotografías que permiten a súa identificación, as fichas recollen información sobre cada especie, incluíndo o nome, a orixe, a distribución xeográfica, as características botánicas e os usos que os humanos lle deron tradicionalmente. Deste xeito, o lector pode ver como a árbore que preside o centro da lagoa é un cedro do Líbano, emblema dese país que foi empregado, pola súa fortaleza e aroma, para a construción de templos e o embalsamamento.

Benedicto Soto, responsable da Oficina de Medio Ambiente, sinala que esta publicación se enmarca dentro dos obxectivos da OMA de “fomento da educación, a sensibilización e a investigación ambiental, como xeito de achegar as árbores á comunidade universitaria e ás persoas interesadas”. Por este motivo, ademais da edición en papel, a publicación, explica, xa está dispoñible na súa versión electrónica na web da Universidade de Vigo e boa parte das árbores están sinalizadas no propio xardín cun panel informativo.

Coñecer para respectar

David Taín, encargado da recompilación de fotos e textos para o libro, salienta a importancia desta publicación, pois “coñecer é respectar e se a xente coñece as árbores respectará o medio ambiente”. El estudou unha a unha as árbores deste campus e en cada unha atopa un motivo de interese científico ou curiosidade histórica. A súa preferida entre todas elas, o fento do xardín interior do Edificio Politécnico, un fento arbóreo endémico de Nova Gales do Sur e Tasmania, de orixe xurásica, que vai medrando moi paseniño, uns 3 centímetros ao ano, ata chegar aos tres metros de altura.

Para aqueles que desexen visitar as árbores, José Maneul P. Teijeiro, técnico de xardíns e zonas verdes do campus, explica que na web da OMA hai dispoñible, ademais desta publicación, un mapa cunha proposta de ruta das árbores que pode realizar calquera persoa que visite os xardíns universitarios. Ademais, os colexios que o desexen poden contactar coa Oficina de Medio Ambiente para realizar esta ruta dun xeito guiado.