DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Mar García preséntase como única candidata a dirixir o centro

De vicedecana a decana de Ciencias da Educación

Mercedes Suárez remata dous mandatos ao fronte da facultade

Etiquetas
  • Ourense
  • Institucional
Rosa Tedín DUVI 06/03/2014

O día 12 de marzo a Facultade de Ciencias da Educación do campus de Ourense está chamada a elixir un novo equipo decanal. Este xoves realizouse a proclamación provisional de candidatos e a única proposta presentada é a de Mar García Señorán. A docente de Psicoloxía Evolutiva da Universidade de Vigo preséntase co obxectivo de dar continuidade ao traballo realizado nos últimos seis anos polo equipo encabezado por Mercedes Suárez, que esgota agora o seu segundo mandato como decana do centro ourensán. Asumindo a responsabilidade que supón dirixir a maior facultade do campus, con arredor de 1500 alumnos e alumnas, García Señorán afronta con ilusión e ganas esta nova etapa.

Continuidade

“Animeime a presentarme porque durante estes anos de mandato de Mercedes Suárez, onde fun vicedecana, no centro desenvolvemos un traballo moi intenso e colaborativo no que tivemos que afrontar a implantación do Plan Boloña. Ata o de agora fíxose un gran traballo e a miña idea e a do equipo co que me presento ás eleccións é a de darlle continuidade a todo ese esforzo feito”, destaca Mar García Señorán, coordinadora do Máster Universitario en Dificultades de Aprendizaxe e Procesos Cognitivos. Froito desa idea de continuidade, explica, na súa proposta de equipo decanal mantense boa parte do equipo que estivo con Mercedes Suárez no seu último mandato. Deste xeito, Xosé Manuel Cid manteríase como vicedecano de Relacións Institucionais, Actividades Culturais e Intercambio; Ramón Ángel Fernández continuaría como vicedecano de Organización Académica, de Espazos e Recursos; Pino Díaz sería vicedecana de Coordinación de Graos e Posgraos e Antonio González secretario. Incorporaríase como novidade Carmen Ricoy, que pasaría a ser vicedecana de Calidade e Innovación Educativa.

Destacando o excelente traballo realizado nos últimos seis anos por Mercedes Suárez e o seu equipo ao fronte da Facultade de Ciencias da Educación, García Señorán salienta que o seu obxectivo durante o mandato sería “asentar o traballo realizado ata o de agora e avanzar no eido da innovación e da calidade, facendo fincapé na acreditación das titulacións”. En caso de saír elixida o vindeiro 12 de marzo, a docente ourensá salienta o seu desexo de escoitar aos diferentes membros do centro e traballar con eles para seguir tendo un clima de traballo favorable para todos e todas. A pesar de estar en época de crise económica, a candidata a decana tamén fai fincapé na importancia de continuar traballando por mellorar as instalacións da facultade, por conseguir máis recursos e por seguir sendo un centro aberto á colaboración. “Dirixir unha facultade con 1500 estudantes, máis dun centenar de docentes, catro graos, catro posgraos e un programa de doutoramento é unha tarefa complexa pero asumirémola con ilusión en caso de ser elixidos”, apunta a profesora.

Peche dunha etapa

Despois de dous mandatos e seis anos ao fronte da Facultade de Ciencias da Educación, Mercedes Suárez deixará o seu cargo para dedicarse a tarefas de investigación e mestrado. “Empezamos no curso 2008/2009 e estes seis anos foron un período moi activo pero moi interesante, no que iniciamos o proceso de adaptación das titulacións ao Plan Boloña, no que tivemos que facer as memorias dos plans de estudo, no que levamos a cabo a súa implantación e na que vimos xa graduarse á primeira promoción deste novo plan”, comenta Suárez. A maior satisfacción que se leva destes anos de mandato é que “sendo unha etapa moi complexa, onde o traballo era enorme pero non se ampliaron os recursos humanos nin materiais, conseguimos aproveitar a ocasión para levar adiante iniciativas de interese e de calidade que redundaron en positivo para o alumnado, para os docentes e para todo o centro”.

Alén do traballo realizado polo equipo decanal e polo persoal do centro, Mercedes Suárez destaca a especial satisfacción que lle supuxo estes anos a colaboración prestada polo alumnado da facultade. “Temos a gran sorte de contar cun estudantado moi activo que sempre se implicou no desenvolvemento do centro e dos graos”, recoñece a docente. Como aspecto agridoce do traballo decanal apunta que está “a cantidade de horas e horas dedicadas polo equipo decanal e polo profesorado a cuestións burocráticas asociadas a temas de calidade, tempo que debería ir dedicado á innovación real”. Por este motivo, o seu desexo para o novo equipo decanal é que “conte con máis apoio ou que vexa reducido este inxente traballo burocrático”.