DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Juan Manuel Corbacho visitou as instalacións do centro formativo de Marín

A Vicerreitoría do campus e a Escola Naval Militar reafirman a súa vontade de colaboración

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Institucional
DUVI 14/05/2014

A vontade da Universidade de manter e reafirmar as liñas colaboración existentes coa Escola Naval Militar foi a principal mensaxe que Juan Manuel Corbacho trasladou aos responsables do centro de Marín na súa primeira visita ás instalacións da escola en calidade de vicerreitor do campus de Pontevedra. Corbacho foi recibido este martes no centro militar polo comandante-director da Escola Naval, Juan Luis Sobrino, co que puido coñecer de primeira man o funcionamento do Centro Universitario da Defensa (CUD), centro adscrito da Universidade onde se imparte o grao en Enxeñaría Mecánica aos futuros oficiais da Armada.

O director do CUD, José María Pousada, e o subdirector xefe de Estudos, o capitán Gonzalo Villar, tamén acompañaron a Corbacho e a Sobrino no seu percorrido polas diferentes instalacións da Escola Militar, no que o vicerreitor do campus puido coñecer os simuladores de navegación, a biblioteca central ou o planetario.

Ademais de servir para reafirmar a vontade de cooperación entre ambas institucións, esta visita tamén permitiu ao novo vicerreitor coñecer dos responsables do CUD o nivel de implantación dos estudos de grao na escola, da que o vindeiro ano sairá a primeira promoción de oficiais graduados pola Universidade de Vigo.