DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Aberta a toda a cidadanía e de entrada libre

A Vicerreitoría completa a oferta cultural pontevedresa cunha programación alternativa

Contempla unha lista de actividades con cine, música e teatro difícil de atopar noutros espazos da c

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Cultura
Bea Feijóo DUVI 02/03/2012

Se por algo se define a programación cultural que oferta para esta primavera a Casa das Campás é “por atender ás peticións e gustos dunha inmensa minoría”, explica Ana Belén Fernández Souto, directora da Área de Extensión Cultural e Estudantes do campus de Pontevedra. A Vicerreitoría achega unha lista de actividades “alternativas e singulares” á oferta cultural da cidade para todo o segundo cuadrimestre que inclúe moda, cine, música, teatro e conferencias abertas a toda a cidadanía e totalmente gratuítas. “Trátase de ofrecer dende a Universidade un verdadeiro servizo público que atenda ás necesidades culturais do tecido social co que convive”, engade Fernández Souto.

A diferenza da programación de outono, que ten unha orientación máis formativa, “na de primavera óptase por un enfoque máis lúdico e festivo co obxectivo de entreter de forma relaxada”, apunta a directora da Área de Extensión Cultural do campus. Así mesmo, a programación de primavera da Vicerreitoría foi deseñada para complementar e completar a oferta cultural doutras institucións da cidade pontevedresa, pois, como destaca Fernández Souto, “a nosa lista de actividades é como a grella televisiva de La 2, pensada para un público minoritario que non se sente identificado co ofrecido comunmente”, ofertando ciclos de cine independentes ou concertos musicais de jazz na Casa das Campás, “moi difíciles de atopar noutros espazos da cidade”.

Entretemento para todo o cuadrimestre

Como sinala a coordinadora destas actividades, “tanto a comunidade universitaria como o público en xeral poderán incluír na súa axenda diaria algunha actividade da programación da Casa das Campás”. Así, os luns de abril antigos alumnos e alumnas do campus de Pontevedra que se formaron no eido da educación e do deporte e que triunfaron en distintos eidos da súa profesión “achegarán a súa visión do que viviron na Universidade e de como lles serviu a formación recibida para enfrontar o seu traballo”.

Os martes celebrarase un ciclo de conferencias sobre as novas tecnoloxías e as problemáticas da rede, os mércores a Casa das Campás transformarase nunha sala de cine na que se proxectarán as obras do director e realizador Harun Farocki, adscrito á corrente do Novo Cinema Alemán. “Trátase dunha oferta fílmica moi concreta e difícil de atopar en Pontevedra que dá a coñecer un cinema máis experimental e de autor”, concreta Fernández Souto. Este ciclo de películas comezará o 21 de marzo e manterase ata finais do segundo cuadrimestre.

Como vén sendo habitual, os xoves afondarase no mundo da moda cos Xoves de Moda, "actividade de referencia do campus que acompaña á programación dende os inicios" e os venres resérvanse para o teatro e a música, “co fin de pechar con alegría a semana”. De marzo a maio, Derradeira e Definitiva combinará teatro, cunha temática moi social, e concertos de jazz, “que acostuman ter unha excelente acollida”. Como peche da programación xeral da Casa das Campás, está prevista unha actuación musical “moi especial” na que se mesturarán os acordes de guitarras acústicas cos de dous bouzoukis, intrumento de corda de orixe grego, “para ofrecer unha despedida moi exótica”, engade a directora da Área de Extensión Cultural.

Actividades complementarias

Como complemento a estas actividades semanais, a oferta cultural inclúe os cursos de formación permanente da Aula Tecnolóxica con clases de tipografía, deseño gráfico e web e a creación dun porfolio profesional. Ademais a Sala X seguirá promovendo a proxección dos novos artistas así como as mostras de obras de creadores de renome. Ata o 16 de marzo estará aberta ao público Transcursos I, unha exposición que recolle o percorrido profesional de Salvador Cidrás e Rut Massó, dous artistas de longa traxectoria profesional formados na Facultade de Belas Artes e o 22 de marzo inaugurarase unha mostra individual de Rosa Brun, “artista madrileña cunha traxectoria destacable no mundo da arte contemporánea”.