DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Co patrocinio de iniciativas como as Xornadas de Investigación Campus Crea

Vicerreitoría e Consello Social renovan unha colaboración dirixida a impulsar o proxecto de especialización do campus

Abrangue tamén o ciclo ‘Pensamento e creación’ e a posta en valor de arboreto e xiloteca

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Congresos e xornadas
  • Estudantado
  • Institucional
DUVI Pontevedra 15/03/2024

A Vicerreitoría do campus de Pontevedra e Consello Social da Universidade de Vigo manteñen neste 2024 unha liña de colaboración centrada no impulso de iniciativas ligadas ao proxecto de especialización Campus Crea e no desenvolvemento de diferentes actividades. Nesta colaboración inseriranse novas edicións das Xornadas de Investigación Campus Crea, na que alumnado de diferentes programas de doutoramento dá a coñecer as súas liñas de traballo, e do ciclo Pensamento e creación, que a Vicerreitoría promove no marco da Semana da Creatividade, así como a posta en valor das coleccións universitarias, a través da elaboración de guías didácticas centradas no arboreto, na xiloteca da Escola de Enxeñaría Forestal e na colección de materiais audiovisuais da Facultade de Comunicación.

“O apoio do Consello Social, xunto co doutras institucións, é fundamental para o desenvolvemento do campus”, sinala a vicerreitora, Eva María Lantarón, que destaca a aposta deste órgano por iniciativas centradas “no que a Universidade pode achegar á sociedade e do que a sociedade pode achegar á Universidade”. Ao mesmo tempo, destaca Lantarón, iniciativas como as xornadas de investigación contribúen tanto a “mellorar as capacidades do alumnado” como “ao desenvolvemento do Campus Crea e a súa acreditación”. O presidente do Consello Social, Ernesto Pedrosa, sinala que se trata “dunha colaboración moi satisfactoria, porque redunda nos estudantes”, incidindo na importancia de que o alumnado “estea implicado no proceso de especialización do Campus Crea desde os seus inicios”, así como a importancia de promover iniciativas que permitan xerar “vínculos coa sociedade, que é a principal misión do Consello Social”. 

Dar a coñecer o campus e o que nel se investiga

Entre as actividades que o Consello Social patrocinará neste 2024 atópase a cuarta edición das Xornadas de Pensamento e Creación, nas que a Vicerreitoría contará por segundo ano coa colaboración da Aula Castelao de Filosofía. Inseridas na programación da Semana da Creatividade, que se desenvolverá do 22 ao 26 de abril, trátase dun ciclo de conferencias e actuacións aberto ao público, que en anteriores edicións tivo como eixes temáticos as violencias, a saúde mental e o cinema.

Nesta liña de colaboración insírense tamén as Xornadas de Investigación Campus Crea, dirixidas a dar a coñecer as investigacións que está a desenvolver o alumnado de diferentes programas de doutoramentom a través da preparación dunha serie de pósters, que se exhiben na Escola de Enxeñaría Forestal tras ser presentados polos seus autores e autoras. 

Finalmente, esta liña de axudas engloba tamén, como explica o director de área adxunto á Vicerreitoría, Luis Torres, “continuar coa posta en valor das coleccións universitarias”, financiando neste caso “a realización de unidades didácticas para os diferentes niveis da ESO”, que poidan servir como material de traballo para o alumnado de secundaria que visite o campus. Esta colaboración céntrase na xiloteca da EE Forestal, un espazo onde poden atoparse máis de 400 táboas de madeira pertencentes a máis dun centenar de especies de árbores; así como na colección de materiais audiovisuais que pode observarse no primeiro andar da Facultade de Comunicación. A estes súmase o arboreto do campus, que conta cunha ruta de preto de dous quilómetros, que permite ir contemplando as máis de 350 árbores de 54 especies e que centra cada curso unha serie de visitas guiadas para alumnado de secundaria.