DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Vicerreitoría ofrece un curso gratuíto de deseño de webs con software libre

O prazo de inscrición remata este venres día 12

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
E.L. Castro DUVI 10/02/2010
A rede xa se transformou no medio máis popular e con maior poder de divulgación pola súa capacidade para aglutinar todas as maneiras de comunicación posibles. Por isto, ter presenza en Internet converteuse en algo imprescindible para darse a coñecer tanto a nivel persoal coma profesional, o que resulta cada vez máis sinxelo grazas á difusión crecente do software gratuíto. Cos editores web de código aberto todo o mundo pode crear sitios web de forma rápida, malia ter poucos coñecementos informáticos. Dar a coñecer esas ferramentas para aprender a crear en pouco tempo unha páxina web é o cometido do curso Deseño de páxinas web con recursos gratuítos, organizado pola Vicerreitoría do campus e que se desenvolverá na Aula Tecnolóxica da Casa das Campás na segunda quincena do mes de febreiro.

Fundamentos técnicos da web para publicar contidos

Logo de realizar ao longo deste curso varias actividades formativas centradas na creación de blogs e outro tipo de bitácoras, a vicerreitoría considerou pertinente dar a posibilidade de ampliar coñecementos para poder confeccionar sitios web máis elaborados. Como explica Alberto García Ariza, coordinador da Aula Tecnolóxica, este novo curso pretende “achegar a sociedade en xeral e, de xeito especial, á comunidade universitaria aos fundamentos técnicos da web para publicar contidos”. “A linguaxe básica da web, o XHTML, é unha linguaxe aberta, polo que se trata de indicarlles aos usuarios como conseguir as ferramentas que precisan entre os recursos gratuítos sen ter que pagar por aplicacións comerciais para realizar as mesmas funcións”, engade. Entre os contidos que se impartirán figura a maquetación co programa KompoZer, que se atopa dispoñible en Internet para a súa descarga de balde.
Esta actividade formativa é unha nova edición doutra realizada con anterioridade que, segundo García Ariza, tivo moita aceptación, polo que se considerou pertinente repetila. “Pensamos que é interesante afondar na cultura dixital”, sinala o coordinador da Aula Tecnolóxica, quen engade que este curso pode ser de utilidade tanto para profesores que queren elaborar unha web cos traballos dos seus alumnos como para pequenos empresarios ou calquera persoa que queira publicar contidos na rede. Por iso está aberto á sociedade en xeral, non só á comunidade universitaria, e non se requiren coñecementos previos. Ofrécense en total 20 prazas que se cubrirán por orde de inscrición. A matrícula pode formalizarse a través da plataforma Bubela e o prazo remata este venres día 12.
Impartirá o curso Lidia Nokonoko Malvido, que é licenciada en Belas Artes e traballa como deseñadora gráfica e web no xornal Faro de Vigo.