DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Totalmente gratuíto, o programa Ensaiamos ten aberto o prazo de inscrición ata o 13 de outubro

O Vidal Bolaño volve abrir as súas portas ás novas promesas musicais

Etiquetas
  • Vigo
  • Cultura
D. Besadío DUVI 30/09/2010

Un espazo no que ensaiar de xeito gratuíto, o Teatro Vidal Bolaño da Cidade Universitaria, con equipamento básico e persoal especializado co que asesorarse. Nisto consiste un dos programas de máis éxito da Vicerreitoría de Extensión Universitaria, Ensaiamos, un servizo de apoio aos grupos de música noveis que dende 2006 lles permite acceder de balde a un local acondicionado para ensaios.

A enorme aceptación de edicións anteriores fai agardar que nesta convocatoria, que permanece aberta dende esta semana ata o vindeiro 13 de outubro, se volvan cubrir de novo todas as prazas, polo que dende a Vicerreitoría animan aos grupos interesados a anotarse canto antes, xa que así terán máis posibilidades de asegurarse a praza. Co único requisito de que polo menos un dos integrantes do grupo sexa estudante na Universidade –caso de ser tres os integrantes-, “ofrécense un máximo de tres horas por grupo cada semana”, explica Alfonso Caride, técnico superior de Actividades Culturais, ao tempo que explica que a distribución final de horarios dependerá da demanda do servizo. “Unha vez finalizada a recepción de solicitudes terá lugar unha reunión para que eles mesmos se poidan organizar e repartir as horas”, explica Caride.

Espazo web e concerto final

O programa pon tamén a dispor das novas promesas musicais da Universidade un espazo web de comunicación cos participantes e de difusión nas carteleiras e promoción para a realización de actividades por parte dos grupos e, xa cara o remate do curso, está previsto a realización dun concerto, como se fixo noutras ocasións, no que poderán tomar parte algunhas das bandas, “en función da súa calidade”, explica Caride. O técnico de Actividades Culturais destaca que esta iniciativa “probablemente sexa unha das poucas oportunidades que teñen estes grupos para ofrecer un concerto”. Para a celebración do mesmo, a vicerreitoría proporcionaralles o equipo preciso de luces e son.

Equipamento do local

Para os seus ensaios, os grupos poderán contar cun equipamento básico proporcionado pola vicerreitoría que comprende unha batería de cinco corpos, dous amplificadores combo de guitarra de 100w, un amplificador de baixo de 150w, unha mesa de mesturas de dez canais mono, dous auxiliares e entradas e saídas RCA, así como dous altofalantes autoamplificados de 300w, catro micrófonos cos seus respectivos soportes, cableado básico e un sistema de gravación de maquetas, que aínda está por definir. Deste xeito, os grupo unicamente tería que achegar os seus propios instrumentos, agás no caso da batería.

Máis información sobre o Programa Ensaiamos e solicitudes de inscrición.