DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A peza de animación en 3D céntrase no papel dos lagartos como dispersores de sementes

Un vídeo divulgativo do Laboratorio de Ecoloxía e Evolución das plantas, finalista do concurso da revista "The Scientist"

Vídeos de National Geographic, universidades e centros de investigación, optan ao premio

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
Mª del Carmen Echevarría DUVI 25/06/2010
Catro anos de traballo resumidos en tres minutos de animación 3D poden valerlle ao Grupo de Ecoloxía e Evolución das Plantas da Universidade de Vigo o premio The 2010 Multimedia Awards que organiza a prestixiosa revista de divulgación científica The Scientist. Outros nove traballos elaborados por sociedades como National Geographic, universidades como a galesa de Glamorgan ou a Western Australia e centros de investigación como o Energy Joint Genome Institute, o Monterrey Bay Aquarium Research Institute ou o WYSS Institute, concorren ao galardón co que a revista premia o contido científico, a orixinalidade ou a calidade de produción de pezas audiovisuais que teñen como obxectivo a divulgación científica.

Fronte ás propostas dos outros nove candidatos nas que a xenética, as bacterias gástricas, a pel dunha especia de ra de Madagascar ou a enfermidade Huntington son as protagonistas, o Laboratorio de Ecoloxía e Evolución das Plantas da Universidade de Vigo que dirixe Luis Navarro, concorre ao certame cun vídeo sobre o papel dos lagartos como dispersores de sementes. “A través desta peza duns tres minutos de duración, titulada A importancia dos lagartos nos ecosistemas insulares”, explica Luis Navarro, “transmitimos de forma gráfica e sinxela unha información que pode resultar complicada de entender ao público en xeral como é a mellora que experimentan na capacidade xerminar as sementes que pasan polo tracto dixestivo dos lagartos”, unha investigación sobre a que o grupo leva catro anos traballando no Parque Nacional das Illas Atlánticas e que decidiron plasmar neste vídeo divulgativo que non é o primeiro destes investigadores. E é que a divulgación forma parte desde hai un par de anos do traballo do Laboratorio de Ecoloxía e Evolución das Plantas que a día de hoxe e coa colaboración de infografistas xa elaboraron tres vídeos e están a traballar no cuarto sobre algas bioluminiscentes.

Un recoñecemento a golpe de click

Tanto Luis Navarro como os outros oito integrantes do grupo de investigación que non agochan a súa satisfacción por acadar a final do certame de vídeos de The Scientist que na edición anterior gañou un traballo do internacionalmente recoñecido divulgador científico David Attenborough producido pola BBC. “Para nós é un gusto este recoñecemento”, asegura Navarro, “sobre todo por que pon de manifesto que desde aquí podemos facer cousas tan boas como noutros países”, algo que o investigador lamenta que as administracións descoñezan co que de risco á hora da acadar financiamento para este tipo de proxectos supón.

Os votos dos internautas que accedan á páxina web da revista serán os que determinen o vídeo gañador que se coñecerá o vindeiro mes de setembro. Aínda que asegura que “só por ter chegado á final xa estamos satisfeitos”, Luis Navarro anima a votar polo vídeo do grupo de investigación da Universidade de Vigo como un recoñecemento a súa aposta pola divulgación científica que veñen desenvolvendo nos últimos anos.

Man a man entre Bioloxía e a Infografía

A elaboración do vídeo A importancia dos lagartos nos ecosistemas insulares precisou do traballo conxunto do grupo de investigación e de dous infografistas que foron quen de crear un soporte audiovisual ao traballo que durante anos desenvolveron os biólogos e biólogas que integran o laboratorio. “Todo comezou”, explica Navarro "cunha tarefa de síntese da investigación que fixemos ao longo dos últimos tres ou catro anos, para a continuación preparar un guión e un storyboard sobre o que traballar”. Aínda que os infografístas que participaron neste vídeo eran alleos ao mundo da Bioloxía isto non foi un problema á hora de dar vida ás ideas dos investigadores e así entre todos acadar o obxectivo de amosar o papel dos lagartos como modeladores da paisaxe vexetal nos ecosistemas insulares.