DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Celebrado ata onte mércores na cidade francesa de Cherbourg

Vigo acada o noveno posto no Mundial Universitario de Vela

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Deportes
  • Internacional
  • Deportes
DUVI 06/09/2018

Tras cinco días de competición na cidade francesa de Cherbourg , o Mundial Universitario de Vela baixa o pano e deixa un bo sabor de boca para a Universidade de Vigo, que acadou o noveno posto da clasificación xeral. O equipo, composto por Alberto Basadre, Pedro Martínez, Rodrigo Rodríguez e Kevin Figueiras e adestrado por Hugo Fernández, participaba por primeira vez nesta competición internacional, tras obter o pase ao proclamarse subcampións de España Universitarios, tras a Universidade da Coruña.

Nesta cita mundial invertéronse os  postos, quedando o equipo vigués noveno e o coruñés décimo cuarto. O podio quedou conformado por un equipo australiano co ouro e dous franceses coa prata e o bronce. Como explica o adestrador vigués nesta competición participaron dez países (España, Corea do Sur, Austria, Xapón, Italia, Singapur, Australia, Holanda, China e Francia) con varios equipos de diferentes universidades por cada un deles en embarcacións J80. Hugo Fernández fai unha valoración moi positiva da participación viguesa nesta cita, na que representaban a España. “Nos primeiros días demos un gran nivel, pero foi difícil de manter durante todas as xornadas da competición; son moitas probas e o nivel no grupo Ouro era alto, na fase final sobre todo, con países como Australia Francia ou Xapón”, recoñece.

Coa vista posta na Universiada 2019

Esta foi a primeira vez que a Universidade viguesa puido participar na máxima competición mundial universitaria de vela e para o adestrador olívico foi unha oportunidade única. “Deportivamente sírvenos para seguir crecendo como regatistas e a nivel persoal foi unha grande experiencia, realmente paga a pena, a regata foi excelente, con moi bo ambiente todos os días e unha moi boa organización, calidade en todos os sentidos”. De cara ao futuro máis próximo, o equipo vigués fíxase un novo reto, “tras participar por primeira vez no mundial universitario, seguiremos traballando para poder participar na Universiada 2019 en Nápoles ou repetir na cita mundial en Italia en 2020”. 

Pero este tipo de eventos tamén adoitan servir para coller exemplo doutos países, e neste sentido Hugo Fernández demanda maior apoio para este deporte. “Paga a pena e é importante apostar pola vela universitaria”, como xa se fai noutros lugares, como por exemplo Francia, onde segundo explica “é moi importante para a comunidade e o deporte universitario”.