DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Adrián Pérez, campión en 100 metros lisos, Jean Marie Okutu en salto de lonxitude e Alexis Rosa en -

Vigo acada tres ouros e unha prata nos campionatos de España universitarios de atletismo e judo

Os deportistas da institución tamén se proclamaron campións no Galego Universitario de Orientación

Etiquetas
  • Vigo
  • Deportes
DUVI 24/04/2018

O deporte universitario segue sumando éxitos nesta temporada. Os campionatos de España universitarios deixaron esta fin de semana varias medallas de ouro e bronce nos CEU de atletismo e judo e no galego de orientación, no que o combinado vigués tamén se impuxo como mellor equipo galego.

En concreto o equipo de atletismo da Universidade de Vigo acadou dous ouros e unha prata no campionato celebrado esta fin de semana en Andújar, organizado pola Universidade de Jaén. Trátase da segunda competición máis antiga das que se disputan no estado, non en van naceu no ano 1932 e, tras o paréntese da Guerra Civil, viuse disputando ano a ano con algunha breve interrupción. A edición deste ano contou coa presenza de 428 atletas (231 homes e 197 mulleres), incluíndo algúns destacados e destacadas deportistas do atletismo español, como a plusmarquista nacional no lanzamento de peso Úrsula Ruíz, Cristina Lara nos 100 metros lisos ou Carmen Sánchez Silva nos 400 metros lisos e de Frank Casañas no disco, Borja Vivas no peso, ou o olímpico da Universidade de Vigo Jean Marie Okutu.

As medallas viguesas viñeron da man de Adrián Pérez, estudante de Ciencias da Actividade Física e do Deporte cun ouro nos 100 metros lisos por segunda vez consecutiva e cun moi bo tempo, para estas alturas da tempada, de 10.61. O segundo ouro foi para Jean Marie Okutu, alumno de Fisioterapia, en salto de lonxitude. A terceira medalla foi para a tamén alumna de Fisioterapia Leticia Fernández, que gañou unha medalla de prata nos 1500 metros lisos.
O resto do equipo vigués obtivo tamén resultados moi destacados, como Miguel Cajaraville, cuarto posto (empatado co bronce) no salto de pértega; Sergio Paredes, cuarto posto no lanzamento de martelo; Marta Fernández, finalista nos 400 metros valados e David Abalde, semifinalista nos 400 metros lisos.

Ouro no CEU de judo

Tamén nesta fin de semana de celebrou o Campionato de España Universitario de judo, no que o estudante de Ciencias da Actividade Física e do Deporte Alexis Rosa obtivo o ouro na categoría -81 kg. Quedaron ás portas de obter medalla Manuel Estévez e Alejandro Cid.

Éxito total no Campionato Galego de orientación a pé

Por outra banda, a contorna do monte Pedroso, en Santiago de Compostela, acollía o pasado sábado o Campionato Galego Universitario de orientación a pé, organizado pola Universidade de Santiago, no que participaron 13 orientadores e orientadoras da Universidade de Vigo, que conseguiron cinco metais e a vitoria na clasificación por universidades.

O terreo de competición caracterízase pola dureza, por mor do desnivel e mais a vexetación espesa. Malia isto, o equipo vigués demostrou a súa calidade tanto física como técnica, rematando no máis alto do podio na clasificación por equipos, cunha diferenza de máis de 100 puntos. Nas categorías individuais, os podios foron tamén a Universidade de Vigo. Así, Teresa Bellón e Brais Piñeiro mostraron un excelente estado de forma a pesar de chegar o pasado mércores do Campionato Nacional Universitario e proclamáronse campións galegos universitarios, ambos con varios minutos de diferenza sobre os segundos clasificados. O podio masculino tinguíase totalmente das cores da Universidade de Vigo, e Germán Pérez e Vicente Pastoriza, ambos de Vigo, acompañaban a Brais Piñeiro no podio masculino. En categoría feminina, o segundo posto tamén caía nunha corredora da cidade viguesa, Isabel Pastoriza, que repetía o título de subcampioa que gañara no CGU en 2017.