DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O deputado de Xuventude, Jorge Cubela, recibiu este martes a dúas da súas impulsoras

Vigo acollerá o Congreso do Consello Nacional de Estudantes de Dereito

Organizado pola delegación de alumnado de Ciencias Xurídicas e do Traballo

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Asociacións de Estudantes
  • Estudantes
DUVI 16/01/2024

Vigo acollerá no mes de marzo o Congreso do Consello Nacional de Estudantes de Dereito, e farao da man da Delegación de Alumnado da Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo, que se está encargando da organización do evento, que se desenvolverá entre os días 13 e 16 de marzo. Este martes Sandra Martínez e Carla Fernández, presidenta e secretaria respectivamente da delegación, reuníronse co deputado delegado de Xuventude, Jorge Cubela, no Pazo Provincial para afondar en posibles liñas de colaboración de cara á organización do evento.

Conede é unha asociación de estudantes que reúne a representantes de alumnos da titulación de Dereito de máis de 75 universidades españolas, sendo a única a nivel nacional presente en todas as negociacións que afectan ao alumnado deste Grao universitario. Como explica Sandra Martínez, a asociación impulsa dúas veces ao ano un congreso cuxa organización corre a cargo das delegacións de alumnado das facultades de Dereito de toda España, e que adoitan celebrarse nos meses de outubro e marzo. Na anterior edición, a número 25, celebrada en Huelva, a representación viguesa presentou a súa candidatura para organizar o congreso desta primavera e foi elixida por maioría. Agora están a traballar arreo para ir pechando tanto o programa, como as entidades patrocinadoras, socios colaboradores, etc.

Ponencias e asembleas

Ao longo das catro xornadas que durará esta cita, as actividades desenvolveranse principalmente no campus de Vigo, pero tamén están previstos eventos, por exemplo, na Cidade da Xustiza ou en instalacións municipais. Dende a organización agardan a participación de arredor dun cento de estudantes, todos eles representantes das delegacións de alumnado.

Aínda que o programa está por pechar, Martinez avanza que o congreso se dividirá principalmente en dúas partes, unha de ponencias e outra de asembleas. As primeiras serán sesións formativas nas que se contará coa presenza de persoas de relevancia do ámbito xurídico, que abordarán diferentes aspectos relevantes para a formación e temas de actualidade. Para isto contará coa colaboración, por exemplo, de representantes dos colexios oficiais de avogados, de procuradores, rexistradores, etc. No que atinxe ás asembleas, trataranse diferentes aspectos de interese para o alumnado tanto dos graos en Dereito e dos dobres graos que inclúen esta titulación, como dos mestrados, os programas de doutoramento e tamén os procesos de oposición, abordando así toda a carreira académica relativa ao eido xurídico, dende a etapa formativa ata a súa incorporación ao mercado laboral, como recalca Martínez.

A organización conta para esta cita coa colaboración e apoio da Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo e a Vicerreitoría de Estudantado e Empregabilidade, o Concello de Vigo e a Secretaría Xeral de Universidades da Xunta de Galicia.