DUVI

Diario da Universidade de Vigo

ParatradIT-2024_UVigo_T&P celebrarase entre os días 20 e 22 tanto en modalidade presencial e virtual

Vigo acollerá en marzo o I Congreso Internacional de Paratradución, Interlinguas e Transmedia

O simposio contará cunha vertente esencialmente científica e outra centrada na formación práctica

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Congresos e xornadas
  • Investigación
DUVI 07/12/2023

O campus de Vigo acollerá no mes de marzo a primeira edición do Congreso Internacional de Paratradución, Interlinguas e Transmedia, ParatradIT-2024_UVigo_T&P.  O evento terá lugar entre os días 20 e 22 tanto en modalidade presencial na Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo como en modalidade virtual.  O simposio terá unha dobre vertente, unha científica dedicada ao diálogo investigador arredor de tres eixes científicos principais e outra esencialmente divulgativa, concentrada en seis obradoiros formativos que achegarán o alumnado á práctica profesional da tradución.

Dirixido e organizado por Óscar Ferreiro Vázquez, Emmanuel Bourgoin Vergondy, José Yuste Frías, Ramón Méndez González e Karl Schurster, membros do Grupo de Investigación TI4 Tradución & Paratradución (T&P), este é o primeiro evento científico dunha serie que, ao longo dos próximos anos, estudará as circunstancias sociais, culturais, políticas e, sobre todo, tecnolóxicas que afectan á tradución entre linguas (interlinguas) na era das narrativas transmedia, tanto en pantalla como fóra dela, dende a perspectiva teórica, didáctica e profesional da paratradución. O obxectivo do simposio, no que tamén colabora o Grupo de investigación Tradución y Discurso Especializado (Tradies) da Universidad de Córdoba, é promover o diálogo entre o uso das linguas e das novas tecnoloxías dixitais con achegas e debates científicos nas cinco linguas do congreso:  español, galego, francés, inglés e portugués. 

Como explican os organizadores, a «paratradución» é “a noción tradutolóxica que fundamenta a Escola de Vigo nos Estudos de Tradución, que foi recentemente obxecto dun número monográfico publicado pola prestixiosa revista canadense de Excelencia A+ MƐTA. Journal des traducteurs. Translators’ Journal que leva por título De la paratraduction ⁄ On paratranslation.

Tres eixes temáticos e seis talleres

Os tres eixes científicos arredor dos que xira o congreso, e para os que o prazo de envío de contribucións está aberto ata o 26 de febreiro, abranguen diversos campos temáticos de investigación en tradución e interpretación e no ensino de linguas dende a perspectiva das novas tecnoloxías e ferramentas dixitais aplicadas na actual cibercultura das pantallas. O primeiro eixe céntrase na tradución e interpretación na era dixital, o segundo abrangue a pedagoxía e didáctica dixitais das linguas e, finalmente, o terceiro aborda as intelixencias artificiais no tratamento automático das linguas. 

No que se refire ás conferencias plenarias, a organización ten confirmadas tres: La paratraducción de los márgenes del texto en la recepción en España de las obras decimonónicas francesas, que será impartida por Manuela Álvarez Jurado, da Universidad de Córdoba; Faire sens à un niveau global à partir de références culturellement localisées : exemples de quelques défis de la traduction des jeux vidéo, da man de Sébastien Genvo, da Université de Lorraine; e, finalmente, AI in Translation: A critical approach to translator training and professional ethics, que ofrecerán José Ramón Calvo Ferrer e José Ramón Belda Medina, da Universitat d’Alacant.

Ademais, impartiranse seis obradoiros prácticos centrados noutros tantos ámbitos directamente relacionados coa docencia impartida no Doutoramento Internacional Tradución & Paratradución (T&P), o Máster en Tradución para a Comunicación Internacional (MTCI) –Máster Universitario Excelente da Xunta de Galicia– e o Título Propio de Especialista en Tradución para a Industria do Videoxogo (ETIV). Estes talleres son: Introdución á actividade investigadora: primeiros pasos, publicacións e congresos; Taller de tradución e adaptación de manga; Xoga ben as túas cartas! Taller creativo de tradución de xogos de mesa; Aos mandos da tradución: conceptos básicos da localización de videoxogos; Como se fai un libro traducido? e,  finalmente, Fiscalidade e protección social para tradutores. Estes obradoiros serán impartidos por profesionais de cada ámbito, moitos deles galardoados polo seu traballo, que “axudarán ao alumnado a coñecer máis a fondo algunhas das posibles saídas laborais que lles agardan tras completar os seus estudos de grao e posgrao”, explican os organizadores.

Inscricións

A asistencia ao congreso sen presentar comunicación será de balde para todo o público, mentres que a asistencia con certificado custará 15€. Para aqueles que queiran presentar ponencia, ata o 5 de xaneiro os prezos adaptaranse ás circunstancias de cada persoa, cun abano que varía entre os 60 e os 120 €. A asistencia aos obradoiros terá un prezo de 20 € para estudantes e persoas en situación de desemprego, 50 € para membros da rede Vértice e 70 € para o resto de profesionais do ámbito da tradución e a interpretación. A partir do día 5 as persoas interesadas poderán seguir inscribíndose nas diferentes modalidades, pero os prezos serán superiores.