DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Campus do Mar logra a cualificación de Campus de Excelencia Internacional Rexional

Vigo convértese na universidade do mar en Europa

O proxecto sitúase entre os máis valorados e acada un financiamento de 5,3 millóns de euros

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
DUVI 21/10/2010
Din que o mar falou e os homes escoitárono. A lenda fíxose realidade e “hoxe, 21 de outubro de 2010 marca un antes e un despois na historia da Universidade de Vigo, de Galicia e da Eurorrexión Galicia – Norte de Portugal”. Así expresou o reitor, Salustiano Mato, a súa “satisfacción e orgullo” pola selección do proxecto Campus do Mar como Campus de Excelencia Internacional de ámbito rexional, CEIR, acadando a máxima cualificación do comité de expertos e tamén a máxima dotación económica: 5,3 millóns de euros.

A resolución da comisión avaliadora internacional encargada de valorar os proxectos certificou que o Campus do Mar “é un programa ben orientado, de calidade, cunha delegación estratéxica forte e enorme proxección de futuro”, salientou o reitor, ao tempo que explicou que agora se abre un período de cinco anos nos que a Universidade de Vigo, xunto coas outras universidades galegas e do Norte de Portugal, o Instituto Español de Oceanografía e o Consello Superior de Investigacións Científicas deberán converterse “no epicentro da universidade do mar en Europa”.

Na resolución da convocatoria de Campus de Excelencia Internacional 2010 do Ministerio de Educación, un total de oito agregacións universitarias obtiveron a cualificación de Campus de Excelencia Internacional (CEI) e outras seis recibiron a de Campus de Excelencia Internacional de ámbito rexional europeo (CEIR).

Criterios de valoración

Acompañado polo comisionado do Campus do Mar, Emilio Fernández, ao que se referiu como “alma mater do proxecto”, polo representante do IEO, Alberto González-Garcés, e o coordinador institucional en Galicia do CSIC, Uxío Labarta, o reitor asegurou que desde o Ministerio se lle trasladou á Universidade que o Campus do Mar “era unha das mellores propostas presentadas e a mellor na posta en escena do pasado martes”, cando se fixo a presentación pública en Madrid.

No referido aos principais puntos valorados, ademais da fortaleza científica, a comisión valorou a aposta interrexional con Portugal, o feito de ser a proposta que máis claramente traspasou a fronteira académica e penetrou no tecido socioeconómico e na cidadanía, así como, o feito de ser o proxecto máis singular e máis armado en torno a unha área temática concreta, o mar.

Nun día que considerou como “histórico para a Universidade”, Mato aproveitou tamén para agradecer o traballo dos “centos de persoas” que dedicaron horas de traballo a darlle forma e rigor ao proxecto, “moitas das cales están hoxe aquí presentes”, subliñou, dedicando especiais palabras ao seu predecesor no cargo, Alberto Gago.

Calendario de traballo

Unha vez coñecida esta resolución, o primeiro paso será a constitución do Consello Reitor que se encargará da gobernanza do Campus do Mar. Segundo adiantou Salustiano Mato, nos próximos días empezarase xa coas reunión preparatorias, entre elas unha específica con Portugal para coordinar todas as institucións deste país, e outra co Ministerio de Educación para visualizar a relación Portugal – Galicia. “Será tamén nese Consello Reitor onde se estableza a folla de ruta e o calendario de traballo para os próximos meses”, apuntou o reitor, que salientou tamén que se seguirá avanzando en aspectos xa postos en marcha como, a Escola Internacional de Posgrao e o Campus Dixital. “Así mesmo, poremos en marcha a dinámica e estrutura dos clúster de investigación, así como a elaboración e construción das liñas emerxentes”, engadiu.

En relación tamén á necesidade de realizar unha “planificación estratéxica do financiamento” Mato subliñou que en breve se espera a consecución de novas achegas económicas, entre elas a convocatoria específica do Innocampus e os fondos Feder específicos ligados ás infraestruturas, axudas concretas europeas para a rehabilitación dos edificios da ETEA, antiga Escola de Transmisións e Electrónica da Armada, en Teis.

Reaccións á concesión da cualificación

O comisionado do Campus do Mar, Emilio Fernández, considera que Campus do Mar acadou “o máximo ao que podíamos esperar cando iniciamos o proxecto”, un proxecto no que afirma o comisionado “centos de persoas fixeron o que tiñan que facer porque senón tería sido imposible”. Neste sentido Emilio Fernández considera que todas as persoas implicadas no proceso traballaron “ao máximo da súa capacidade o que se mira agora recoñecido coa cualificación de Campus de Excelencia Internacional”. Rotundo o comisionado do Campus do Mar afirma que “isto non é un premio, é un reto no que nos poñen uns deberes que temos que cumprir. O traballo gordo empeza mañá e non o que fixemos ata o de agora”. Emilio Fernández ten clara a máxima a seguir a partir de agora “ir moi despazo. É un proxecto de gobernanza moi complexo e require moito tento cada pisada ,asegurar que está ben dada e dar o seguinte paso”. E é que para Emilio Fernández cinco anos é moito tempo “para facelo ben” e o que “propoñemos no proxecto e perfectamente viable”.

O ex reitor e promotor do proxecto, Alberto Gago, afirma que “ isto é a verdadeira maioría de idade desta Universidade e un xeito de presentarse en sociedade”. Gago que asegurou sentirse “encantado e pletórico” pola decisión da Comisión Avaliadora destaca a importancia de que un xurado internacional “ te diga que vas na liña correcta que ten ir unha universidade internacionalizada hoxe a nivel europeo”.

Desde o Instituto Español de Oceanografía, Alberto González-Garcés, fixo referencia a que a nova que hoxe se recibiu “é o que ten que ser e o que debería de ser” en relación a que se trata dunha forma de participar na mellora da investigación “nun elemento que é común para todos e que define a Galicia: o mar”.
Pola súa banda desde o CSIC, Uxío Labarta, sinalou que se trata dun “proxecto estratéxico” e o camiño axeitado para “consolidar o que cremos que é necesario para Galicia”, ao que engadiu que “conseguir estar entre os seis primeiros proxectos da cualificación do Ministerio é un referendo absoluto”.

Para Jaime Cabeza, voceiro de Nova Universidade, “este é un dos proxectos que fan universidade e implican a todos”, centos de persoas entre as que destaca a Emilio Fernández, comisionado do Campus do Mar , ao ex reitor Alberto Gago e ao actual reitor, Salustiano Mato. Cabeza trasladou os seus parabéns “ a toda a comunidade universitaria e tamén ás institucións que apoiaron este proxecto” cuxa confirmación como Campus de Excelencia Internacional considera como “unha nova extraordinaria”.

Pola súa banda da vicerreitora de Investigación, Asunción Longo, fala de “satisfacción e orgullo” pero sobre todo “dunha fonte de oportunidades tremenda para todos os investigadores “. Longo destaca tamén o carácter integrador do proxecto que cualifica de “exemplar” e unha mostra de que “traballando unidos podemos conseguir o que queiramos”. Mentres, o vicerreitor de Relacións Internacionais, Manuel Fernández sinala que a concesión do Campus de Excelencia Internacional suporá “maiores posibilidades para que os nosos titulados e docentes teñan presenza internacional ao tempo que servirá de polo de atracción para universidades que ata o momento non nos coñecen”.

A catedrática e directora do Centro de Investigacións Biomédica (Cinbio), África González cre que “é unha decisión moi positiva non só para a Universidade de Vigo, senón para toda Galicia e o Norte de Portugal e tamén para o resto do mundo porque pon de manifesto que aquí se está a facer investigación de calidade”. Para González “este é un día para felicitarnos todos”.
Ricardo Beiras, director de ECIMAT, destaca que Galicia leva séculos investigando o mar “que é un elemento central na sociedade galega e de aí a importancia estratéxica deste recoñecemento para a nosa investigación mariña”.